Quiroga, epicentro do aceite de AOVE de Galicia

O domingo 29 de maio, Quiroga celebra a XXII Mostra do Aceite de Quiroga no lugar das Farrapas, en Bendilló.

 

Esta ‘Festa de Interese Turístico de Galicia’ –dende o ano 2014– será inaugurada de forma oficial por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.

O muíño de aceite tradicional de Bendilló, restaurado polo Concello de Quiroga no ano 1993, está onde a Capela das Farrapas e a poucos metros na N-120, con moi boa accesibilidade tanto para os que veñen da zona de Valdeorras como para os que veñan da Ribeira Sacra.

 

A mostra ten un carácter máis etnográfico que festivo, onde a moenda tradicional do aceite dentro do muíño centra o interese da celebración. A posta en funcionamento do antigo muíño está programada para as 11:30 h. cunha demostración ‘retro’ de como se facía o aceite en tempos pretéritos.

Dende a organización informan que «para facilitar que as numerosas persoas que cada ano se achegan ata esta zona poidan ver o proceso de elaboración tradicional do aceite, dado o número reducido de aforo do propio muíño, na capela das Farrapas proxectarase en vídeo este proceso».

No recinto feiral poderase probar e mercar o aceite da última colleita que segundo nos contan os olivareiros presentes é de gran calidade, Os colleiteiros con stand este ano son: José Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Manuel Mondelo Rodríguez e Pedro Soto Losada.

 

PRESENTACIÓN OFICIAL, MÚSICA E OUTROS POSTOS

Dende as 12:00 h. o grupo tradicional local ‘O Recanto’ actuará no recinto feiral e a continuación a mostra contará cunha inauguración oficial. Será ás 12:45 h. cando a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, se encargue do simbólico corte de cinta.

No recinto feiral tamén se poñerán á venda produtos típicos da comarca, haberá postos de artesanía e poderase degustar polbo e churrasco.

 

 

También te podría gustar...