TESGON Desbroces

Proxecto de mellora da Accesibilidade de Monforte

  • O principal obxectivo deste Proxecto é mellorar a accesibilidade universal nos equipamentos que son de titularidade municipal, para contribuír a unha maior calidade de vida de todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que visitan a cidade
  • “Para elo”, destaca o Alcalde “fixemos o proxecto de eliminación das barreiras e obstáculos que dificultan ou impiden o uso de edificios públicos e parque municipais, e indicando as solucións ás mesmas. Estou seguro que con este proxecto, moi pronto Monforte de Lemos será un Concello de referencia en materia de accesibilidade.”
  • O Concello dispón unha partida orzamentaria 295.108,11 € para o desenvolvemento deste Proxecto de Accesibilidade

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañada pola 1ª Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda, Réxime Interior, Servizos Sociais e Discapacidade, Gloria Prada, deu a coñecer na xornada de hoxe o Proxecto de mellora da Accesibilidade de Monforte, que “significa a aposta decidida e continua do Concello de Monforte coas persoas con discapacidade, con dificultades de mobilidade ou de idade avanzada, e sendo conscientes dende o Equipo de Goberno das necesidades de todos estes colectivos e das carencias históricas dende fai anos que detectamos nalgunhas das nosas instalacións e dependencias municipais.”

 

Deste xeito, o Concello ven de elaborar o Proxecto de Mellora da Accesibilidade Universal nos edificios e parques municipais da cidade de Monforte, no que se recolle a situación actual da accesibilidade nos principais equipamentos do Concello e no que se organizan as actuacións a levar a cabo en cada caso, integradas por áreas de intervención e prioridade segundo o alcance e viabilidade da súa execución.

O principal obxectivo do Proxecto “é mellorar a accesibilidade universal nos equipamentos que son de titularidade municipal, para contribuír a unha maior calidade de vida de todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que visitan a cidade”, sinalou o rexedor municipal. Para elo, desenvolveuse este proxecto de supresión das barreiras e obstáculos que dificultan ou impiden o uso de edificios públicos e parque municipais da cidade, e nel indícanse as solucións a aquelas.

Queremos que o Plan se converta”, indica o Alcalde,

nunha ferramenta de referencia para acometer as melloras indicadas en cada ámbito e espazo de actuación, co obxectivo de proxectar e planificar un futuro sen barreiras e adaptar os edificios públicos e o medio urbano existentes, para, en definitiva, eliminar as barreiras que aínda existan no noso Concello.

Obxectivos xerais do Plan

  • Mellorar a calidade de vida dos cidadáns.
  • Revitalizar o entorno urbano rexenerando o seu espazo.
  • Garantir o acceso de todos e todas ós equipamentos municipais.
  • Potenciar a mellora dos espazos libres públicos.
  • Favorecer o deseño urbano a escala humana.
  • Normalizar solucións cumprindo parámetros de accesibilidade universal.

Obxectivos particulares do Plan

  • Constituír un instrumento práctico e operativo para a supresión de barreiras arquitectónicas e urbanísticas.
  • Servir de instrumento de divulgación, promoción e xestión da accesibilidade urbana universal e de referencia para as futuras actuacións e proxectos do Concello.
  • Elaborar un diagnóstico en materia de accesibilidade e calidade dos edificios e espazos públicos para todos os cidadáns.
  • Ofrecer criterios de actuación e deseño, por áreas, fases e prioridades, executando os mesmos.
  • Converter a Monforte de Lemos nun Concello de referencia en materia de accesibilidade.

Deste xeito, o Proxecto de Accesibilidade do Concello de Monforte parte dunha visión xeral da realidade e a situación actual da cidade, para dende aí, recoñecer a situación e importancia urbana de cada un dos edificios e parques municipais que estruturan o núcleo urbano.

Para elo, “dende o Concello xa analizamos minuciosamente cada edificio ou área, aportando solucións de mellora da accesibilidade en aspectos como a ubicación e proximidade dos aparcadoiros reservados, a situación dos espazos urbanos exteriores dos parques e os accesos ós edificios, as comunicacións verticais e horizontais no interior dos equipamentos (ascensores, escaleiras, corredores), os aseos e vestiarios de uso público dos edificios, a sinaléctica dos diferentes espazos de uso tanto interiores como exteriores, e o mobiliario que conteñen edificios e parques” destaca o Alcalde.

Equipamentos e áreas de actuación obxecto de análise

En concreto, o Plan de Accesibilidade do Concello de Monforte incluíu o estudo dos seguintes espazos de titularidade municipal:

Edificios municipais:

  • Casa do Concello
  • Centro do Viño
  • Praza de Abastos
  • Casa da Cultura
  • Edificio Multiusos
  • Campo de fútbol da Pinguela
  • Campo de fútbol Luis Bodegas
  • Pavillón Polideportivo da Pinguela
  • Piscina Climatizada
  • As Casitas
  • Gardería Municipal
  • Centro Cívico

Parques:

  • Parque da Pinguela(rúa A Pinguela)
  • Parque da Compañía
  • Parque El Vivero (Doutor López Suárez)
  • Parque A Florida (Benito Vicetto)

 

A orde de prioridade que se establece para estas áreas, segundo a urxencia de execución das mesmas, é: Casa do Concello, Centro do Viño, Polideportivo A Pinguela, Piscina climatizada, Praza de Abastos, Edificio Multiusos, Centro Cívico, Casa da Cultura, Parques municipais, As Casitas, e en último lugar os campos de fútbol da Pinguela e Luis Bodegas.

Para o desenvolvemento deste Plan de Accesibilidade, o Concello dispón unha partida orzamentaria 295.108,11 €.

“En definitiva”, concluíu o Alcalde,

a través deste importante plan, proxectamos e planificamos un futuro sen barreiras, no que adaptamos os edificios públicos e o medio urbano existentes para, en definitiva, eliminar as barreiras que aínda existan no noso Concello. Estou seguro que con este Proxecto, moi pronto Monforte de Lemos será un Concello de referencia en materia de accesibilidade.