• Tres cidades de Nova Zelanda e Australia acollerán presentacións da oferta turística galega
  • Turismo de Galicia reunirase cos operadores turísticos máis importantes destes dous países en Auckland, Melbourne e Sidney
  • Está previsto que nestas cidades participe máis dun centenar de axentes de viaxes locais

 

Manter e afondar o contacto coas principais empresas organizadoras de viaxes turísticos de Nova Zelandia e Australia é o obxectivo das presentacións da oferta turística galega que desenvolverá Turismo de Galicia ata o vindeiro día 30 de xuño con presenza nas cidades de Aucklan, Melbourne e Sidney.

Hoxe, o departamento de Turismo da Xunta participará xunto á Oficina de Turismo de España en Singapur, no acto de presentación do destino Galicia aos axentes de viaxes máis representativos desta cidade neozelandesa e a súa contorna.

Logo, os días 29 e 30 de xuño, serán os operadores turísticos das cidades de Melbourne e Sidney, respectivamente os que se acheguen á oferta turística galega.

Camiño de Santiago
Nestas presentacións, nas que está previsto que participe máis dun centenar de operadores locais, Turismo de Galicia fará fincapé na difusión dos produtos turísticos relacionados coa natureza e a cultura, así como a gastronomía e os servizos hostaleiros da Comunidade galega.

Ademais, o departamento de Turismo da Xunta presentará o Camiño de Santiago nestes países cuxa presenza nas Rutas Xacobeas comeza a despuntar.

Así, no que vai de 2016, xa chegaron a Compostela máis de 1.800 peregrinos australianos, o que representa un 2% máis que no mesmo período do ano anterior.

Mercado emerxente
Australia e Nova Zelanda constitúen dous dos mercados emerxentes máis interesantes para a Comunidade galega, tendo en conta o incremento de viaxeiros que se rexistra e que en toda España xa superan os 200.000 anuais.

Neste sentido, a Comunidade galega conta cos recursos turísticos precisos para atraer esta demanda, relacionados coa cultura, a gastronomía e a natureza para os distintos segmentos de idade.