Programación polo Día da Muller Rural en Viana do Bolo

Con motivo da celebración do Día da Muller Rural o vindeiro 15 de outubro, a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Viana do Bolo  organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), unha serie actividades e actos co obxectivos de reivindicar e dar recoñecemento ao papel das mulleres vianesas.

Entre as actividades propostas destacan:

Proxección do documental “Vértice e Versos”

Vértice de Versos é unha longametraxe documental sobre poetas de Galicia, no que salienta a especial incidencia das mulleres escritoras e no que se detalla o que pasou nos últimos 25 anos na nosa poesía. A poeta Emma Pedreira e o director Carlos Lorenzo presentarán o filme e manterán co público un coloquio, ademais dun recital da poeta.

Actividade, dirixida ao alumnado do IES Carlos Casares.

Espectáculo de títeres “Cousas da Casa” 

Un espectáculo de títeres para todos os públicos no que se realiza un percorrido por aqueles conceptos que nos permiten reflexionar acerca da igualdade entre mulleres e homes nos distintos ámbitos, con especial énfase na reincorporación profesional da muller despois de ser nai e a corresponsabilidade de home como pai nos coidados do bebé.Todo isto contado a través dunha divertida historia na que os seus protagonistas provocarán as risas do público asistente.

Apertura ao público da web “Pegadas”

O venres 14 de outubro terá lugar a estrea da web “Pegadas” que incluirá moitos contidos arredor do documental do mesmo título filmado vai máis dun ano nas aldeas do Concello de Viana do Bolo. 

Un fermoso proxecto que chega á súa fin con esta completísima e intersante web que poderedes visitar e gozar a partir da data indicada.

Obradoiro “Ikebana”

O Ikebana é unha arte de orixe Xaponesa que consiste na elaboración de arranxos florais. Este obradoiro creativo consiste nunha breve explicación teórica da técnica e a elaboración dun exercicio práctico (arranxo floral) seguindo estas pautas por cada participante.

A actividade estará dirixida a mulleres maiores de 60 anos.

Obradoiro “Mulleres Pintoras”

Esta actividade pretende recoñecer e visibilizar o traballo de pintoras como Georgia O’Keffe, Maruxa Mallo, Menchu Lamas e Remedios Varo. Explicando brevemente que son as cores e como se producen, visualizando as obras mais representativas de estas pintoras , identificándoas e aprendendo a clasificalas no realismo, expresionismo, hiperrealismo… Nesta actividade despois de amosar o contido teórico, os/as participantes realizarán un exercicio práctico de pintura a gran escala (mural) onde a paleta é cooperativa.

Actividade dirixida a nenos/as a partir de 5 anos. 

Exposición de traballos do proxecto “Cre, Crea, Crece”

Durante este mes de outubro as Oficinas dos Servizos Sociais e CIM acollerán unha pequena mostra dos traballos e manuailidades realizadas durante os 3 meses de duración do proxecto “Cre, Crea, Crece” que nos levou por varias aldeas do concello.

Figuras de arxila e coloridos mosaicos de azulexos serán as pezas protagonistas dunha exposición que é o resultado dun traballo feito sobre todo a nivel persoal e emocional.

 

Durante o vindeiro mes de outubro iremos ampliando a información sobre estas e outras actividades que temos preparadas para conmemorar esta destacada data.

 

 

También te podría gustar...