Programa de Verán do Concello de Monforte

  • O Alcalde presenta o Programa de Verán, que oferta o maior número de días de actividade e de prazas dos últimos anos
  • As actividades programadas polo Concello de Monforte desenvolveranse a través do Campamento de Verán, o XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-Real Club Celta de Vigo e cursos de natación na Piscina climatizada municipal
  • No caso do Campamento de Verán son tres quincenas as ofertadas, do 1 de xullo ó 13 de agosto, cun total de 32 días de actividade, mentres que en anos anteriores, establecíanse 2 quincenas durante o mes de xullo, con 20 días de actividade. Deste xeito, auméntase nun 30% a duración dos campamentos de verán en 2021. Ademais, estes campamentos deportivos ofertarán ata un máximo de 288 prazas, 48 máis que en 2020
  • O XV Campus de Fútbol Cidade De Monforte-R.C. Celta De Vigo, celebrarase na primeira semana do mes de agosto, entre os días 2 e 6, ofertando 72 prazas, 18 máis que en 2020
  • Outra das novidades deste ano será a oferta de cursos de natación na Piscina climatizada municipal, dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas, e que terán lugar durante os meses de xullo, agosto e setembro, cunha duración mensual e un período lectivo de dous días á semana cada un dos cursos. Estes cursos de natación contarán cun total de 256 prazas, 104 no mes de xullo, 104 no mes de agosto, e 48 no mes de setembro
  • José Tomé Roca, destaca que “dende o Concello, fixemos un esforzo moi importante para poder manter a celebración destes Campamentos de Verán, así como do Campus do Celta, e engadindo a oferta de cursos de natación. Son un total de 616 prazas as que ofertamos, que é o número máis alto dos últimos anos que dende o Concello puxemos en marcha para as actividades de verán”
  • Ó igual que o ano pasado, a preinscrición será de xeito telemático, para evitar que a xente teña que acudir fisicamente ás oficinas municipais, e evitar así longas colas, que non son aconsellables no actual estado sanitario por mor do Coronavirus
  • O Equipo de Goberno traballou no establecemento de protocolos de seguridade e hixiene fronte ó COVID-19, para garantir o desenvolvemento axeitado das actividades programadas
  • O mandatario monfortino subliñou que “o noso obxectivo é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar dunhas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”

 

o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer, mediante unha roda de prensa, os detalles do “Programa de Verán do Concello de Monforte”, que nesta edición está composto por composto por tres actividades deportivas:

  • O Campamento de Verán.
  • O XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte – Real Club Celta de Vigo.
  • Cursos de natación na Piscina climatizada municipal.

O Alcalde, que estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o técnico de deportes, Óscar Rodríguez, salientou que “dende o Equipo de Goberno, decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán, motivados principalmente pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas, ademais para ofrecer aos nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida, saudable e segura, pese á situación sanitaria derivada da Covid-19 na que seguimos inmersos.”.

“O noso obxectivo”, continuou Tomé Roca, “é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar dunhas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.

O Campamento de Verán desenvolverá as súas actividades durante tres quincenas, do 1 de xullo ó 13 de agosto, cun total de 32 días de actividade, mentres que en anos anteriores, establecíanse 2 quincenas durante o mes de xullo, con 20 días de actividade. Deste xeito, auméntase nun 30% a duración dos campamentos de verán en 2021. Ademais, o Campamento Deportivo ofertará ata un máximo de 288 prazas, 48 máis que en 2020.

O XV Campus de Fútbol Cidade De Monforte-R.C. Celta De Vigo, celebrarase na primeira semana do mes de agosto, entre os días 2 e 6, ofertando 72 prazas, 18 máis que en 2020.

Outra das novidades deste ano será a oferta de cursos de natación na Piscina climatizada municipal, dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas, e que terán lugar durante os meses de xullo, agosto e setembro, cunha duración mensual e un período lectivo de dous días á semana cada un dos cursos. Estes cursos de natación contarán cun total de 256 prazas, 104 no mes de xullo, 104 no mes de agosto, e 48 no mes de setembro, sendo 7 cursos infantís e 6 para adultos.

Ó igual que o ano pasado, a preinscrición será de xeito telemático, para evitar que a xente teña que acudir fisicamente ás oficinas municipais, e evitar así longas colas, que non son aconsellables no actual estado sanitario por mor do Coronavirus.

Neste senso, o Equipo de Goberno traballou no establecemento de protocolos de seguridade e hixiene fronte ó COVID-19, para garantir o desenvolvemento axeitado das actividades programadas. 

Aumento do número de prazas e días de actividade dos Campamentos de Verán

Os Campamentos de Verán do Concello de Monforte desenvolveranse, por segundo ano consecutivo, nun período de tempo máis amplo do habitual, do 1 de xullo ao 13 de agosto.

Deste xeito, serán tres quincenas, cun total de 32 días de actividade, cando en anos anteriores, establecíanse 2 quincenas durante o mes de xullo, con 20 días de actividade. Así, o Equipo de Goberno aumentou nun 30% a duración do Campamentos Deportivo de Verán.

A distribución das 3 quendas será a seguinte:

  • a primeira, do 1 ó 15 de xullo,
  • a segunda do 16 ó 30 de xullo,
  • e a última do 2 ó 13 de agosto, sempre de luns a venres, non festivos, de 10 a 14 horas.

“Esta distribución en 3 quendas está motivada polas lóxicas limitacións que nos impón a actual situación derivada do Coronavirus. Por ese motivo, tamén estableceremos 3 instalacións deportivas permanentes durante todo o campamento, asignando a cada un dos grupos unha delas, á que chegarán e da que sairán todos os días”, salientou o Alcalde.

As 3 instalacións serán o Polideportivo municipal de A Pinguela, e os pavillóns deportivos do IES a Pinguela e dos Escolapios, a cuxos responsables o Concello agradece a súa disposición e colaboración para facer posible o desenvolvemento destas actividades.

En canto á distribución das prazas, se estableceranse un máximo de 8 grupos de traballo por quenda. O número de prazas de cada un dos grupos irá en función da situación sanitaria e das ordes dadas pola Consellería de Sanidade relativas ás actividades de ocio e tempo libre, e de actividades deportivas. En todo caso o número máximo de prazas por grupo será de 12.

Das prazas ofertadas por quenda, resérvanse 4 prazas para persoas con discapacidade superior ó 33 %, sempre que as persoas que se inscriban non necesiten axuda individual de terceiras persoas para desenvolver as actividades, e 4 prazas que se poñen a disposición dos Servizos Sociais do Concello de Monforte.

En total, o número máximo de prazas que se ofertan para o Campamento Deportivo de Verán será de 288 prazas, 96 por quincena. Son 48 prazas máis que en 2020.

As actividades ofertadas, como en pasadas edicións, combinarán accións multideportivas con obradoiros variados, e excursións diversas. En todo caso estaremos moi atentos as indicacións dadas polas autoridades sanitarias de cara á súa planificación.

Nos campamentos poderán participar nenos e nenas de entre os 5 e os 12 anos de idade, que poderán realizar a preinscrición de xeito telemático a través da páxina web do Concello, tal e como se fixo de xeito novidoso o pasado ano, por mor do coronavirus.

Os interesados poderán preinscribirse a partir de mañá xoves día 20 e ata o 31 de maio de 2021.

No momento da preinscrición, as persoas interesadas poderán solicitar a participación entre 1, 2 ou 3 quendas e terán que asignarlle a orde de preferencia a cada unha delas.

Na asignación de prazas para a quenda preferente terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Monforte, así como persoas cuxos proxenitores estean ambos traballando e familias monoparentais.

Para a asignación do resto de quendas terán prioridade unicamente as persoas empadroadas no Concello de Monforte.

O 2 de xuño o Concello procederá á publicación da lista de persoas preinscritas. No caso de que a demanda supere ó número de prazas ofertadas, levaremos a cabo un sorteo de prazas e o 7 de xuño darase a coñecer a lista de persoas admitidas así como a lista de espera. A inscrición definitiva, coa aportación da documentación requirida, efectuarase entre o 8 e o 18 de xuño.

O custe da actividade será ó igual que en pasadas edicións de 51,75 euros por quincena para matrículas sen transporte e de 67,28 euros para aqueles nenos e nenas que necesiten transporte para achegarse ó seu campamento, xa que, ó igual que outros anos, o Concello segue ofertando o servicio de transporte en autobús para todos aqueles que o necesiten. As familias numerosas terán un 50% de desconto.

O Alcalde subliñou que “do mesmo xeito que na pasada edición do campamento, deseñamos un protocolo de actuación ante o coronavirus que seguiremos escrupulosamente para toda a duración do campamento acorde coas medidas prescritas polo Ministerio de Sanidade e en colaboración cos responsables encargados de levar a cabo as actividades de lecer planificadas”.

“Para elo”, continuou Tomé Roca “estableceremos espazos de actividade permanentes e exclusivos para cada grupo. Deste xeito cada grupo terá asignado un punto de chagada e saída durante todos os días de actividade, no que tamén levarán a cabo parte das actividades programadas evitando así a interacción con outros grupos. Formaremos grupos reducidos dun máximo de 12 persoas, que serán sempre os mesmos durante toda a quenda”.

Do mesmo xeito, tamén se porá en marcha un protocolo de desinfección diario das instalacións, que consistirá na limpeza e desinfección de cada instalación, unha vez finalizada a actividade de cada día.

XV Campus de Fútbol Cidade De Monforte – R.C. Celta De Vigo

A actividade de este Campus, que con esta suma xa 15 edicións, celebrarase na primeira semana do mes de agosto, entre os días 2 e 6.

Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos que, de igual xeito que para o Campamento Deportivo, poderán realizar a súa preinscrición online, entre o 20 e o 31 de maio.

En canto ó número de prazas ofertadas, estableceranse un máximo de 6 grupos de traballo, e que o número de persoas por grupo irá en función da situación sanitaria e das ordes dadas pola Consellería de Sanidade relativas ás actividades de ocio e tempo libre, e de actividades deportivas. En todo caso o número máximo de prazas por grupo será de 12, sendo o número total de prazas ofertadas de 72, que son 18 máis que en 2020.

Á hora da adxudicación das prazas terán prioridade as persoas empadroadas en Monforte de Lemos, e do mesmo xeito que no Campamento Deportivo de verán, establecerase un protocolo específico de actuación para a prevención do COVID-19.

Cursos de natación na Piscina Climatizada Municipal

Outra das novidades este ano é a oferta de cursos de natación na Piscina Climatizada Municipal. Estes cursos están dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas e terán lugar durante os meses de xullo, agosto e setembro, cunha duración mensual e un período lectivo de dous días á semana cada un dos cursos. Serán 3 cursos infantís e 6 destinados a adultos.

Os cursos de natación contarán cun total de 256 prazas: 104 no mes de xullo, 104 no mes de agosto, e 48 no mes de setembro. Neste último caso so para adultos, xa que os cursos infantís so se celebrarán mentres duren as vacacións de verán.

Para levar a cabo as inscricións nalgún dos cursos ofertados as persoas interesadas deberán acudir á Piscina Climatizada Municipal a partir do 16 de xuño, as persoas aboadas, e a partir do 21 de xuño as non aboadas.

“En definitiva”, concluíu o Alcalde, “dende o Concello, fixemos un esforzo moi importante para poder manter a celebración destes Campamentos de Verán, así como do Campus do Celta, e engadindo a oferta de cursos de natación. Son un total de 616 prazas as que ofertamos, que é o número máis alto dos últimos anos que dende o Concello puxemos en marcha para as actividades de verán.

 

 

También te podría gustar...