• A titulación, homologada pola Xunta de Galicia, é expedida polas 64 escolas de tempo libre que na actualidade hai no territorio galego

xunta-de-galicia-300x135Un total de 6.915 mozos e mozas conseguiron nos últimos catro anos o título oficial de director ou monitor de actividades de tempo libre homologado pola Xunta de Galicia. Do total de títulos, 6.487 foron de monitor e 428 de director. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, ofreceu estes datos durante a súa visita ao curso de monitor de tempo libre impartido pola ETL Aldebarán e organizado polo Concello de Arteixo.

Esta titulación oficial é expedida pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, sendo necesaria para exercer como monitor ou director de campamentos, campos de traballo ou actividades realizadas en albergues xuvenís. No total galego, están rexistradas un total de 73 escolas de tempo libre, 42 máis que no hai catro anos.

As escolas de tempo libre están regulamentadas pola Lei de Xuventude de Galicia, que as define como centros de formación, perfeccionamento e especialización nas actividades e técnicas orientadas á promoción e axeitada utilización do ocio e do tempo libre.

Estas escolas, integradas na Rede de Escolas de Tempo Libre de Galicia, imparten as seguintes modalidades de ensino: cursos de primeiro nivel, cuxa titulación se corresponde coa de monitores ou monitoras de actividades de tempo libre e cursos de segundo nivel, cuxa titulación se corresponde coa de director ou directora de actividades de tempo libre e director ou directora de campos de traballo.

Así mesmo, poderán impartir calquera outra formación correspondente ao seu ámbito de actuación no eido da xuventude. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado é o organismo que expide os títulos oficiais, así como tamén homologa, de ser o caso, as titulacións de características homoxéneas que expidan as administracións das outras comunidades autónomas.