Preto de 500 mozos desempregados e con baixa cualificación contarán cun contrato de formación dual grazas a un investimento da Xunta de 2,6 millóns

image_gallery (1)Durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo autonómico, Feijóo precisou que esta iniciativa, que combina un posto de traballo cunha actividade formativa, está dirixida especialmente aos menores de 30 anos. Así mesmo, destacou que poderán ser beneficiarias destes incentivos tanto entidades locais como persoas empregadoras e empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, que contraten traballadores por conta allea para prestar servizos en centros de traballo da Comunidade.

A iniciativa, proseguiu, ofrece aos mozos desempregados un contrato profesional e unha formación certificada de validez estatal; e, ao mesmo tempo, as entidades contratantes teñen a posibilidade de contar con profesionais preparados para determinados labores específicos.

Segundo salientou, os contratos para a formación e a aprendizaxe incentivaranse cunha axuda de ata 1.200 euros por empresa, e de ata 2.000 euros se se trata dunha administración local. No caso da formación, explicou que será subvencionable sempre que exceda do 25% da xornada laboral. E, na mesma liña, apuntou que a duración mínima destes contratos será dun ano, podendo chegar ata os tres.

Diminuír o desemprego xuvenil

Deste xeito, ademais de proporcionar un traballo, mellóranse a preparación e cualificación dos participantes, dado que o desemprego xuvenil en Galicia afecta basicamente a persoas con baixa formación. Son maioritariamente mozos, dixo, que abandonaron os estudos e se iniciaron anteriormente nun posto de traballo en sectores como a construción ou o metal, e que a día de hoxe non contan cunha formación específica nin outra experiencia laboral.

Feijóo salientou que esta actuación inscríbese na aposta da Xunta por reforzar a formación. E, ao respecto, remarcou que neste 2015 estanse a destinar 66 millóns de euros en diversas liñas de actuación neste ámbito -obradoiros de emprego, formación para desempregados e ocupados, ou programas integrados, entre outros-, preto dun 5% máis que o pasado ano; un orzamento que permitirá formar máis de 25.000 persoas en toda Galicia.