Preto de 200 produtores de mel están acollidos á venda directa en Galicia

EaFb9tme-mielA directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, participou este mediodía na inauguración da XXVII Feira Apícola de Galicia-Bee Happy Market, celebrada no Porriño (Pontevedra). Durante a súa intervención destacou que preto de 200 produtores de mel están inscritos na sección de venda directa do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA). Isto, sinalou Patricia Ulloa, “é unha magnífica resposta do sector, e agardamos que represente unha considerable vantaxe para o produtor, e que sirva para poñer en valor un produto de calidade recoñecida por todos”.

A directora xeral lembrou que o decreto de venda directa regula a venda directa dunha serie de produtos primarios desde as explotacións ao consumidor final. O mel, o pole, os própole e a xelea real producidos na explotación do vendedor están entre os produtos que permite vender directamente, previamente envasados, coa súa correspondente etiqueta, e nas cantidades máximas que se fixan.

Patricia Ulloa explicou que poden venderse tanto directamente na explotación produtora como en feiras e mercados locais, ben sexa polos titulares da explotación ou polos seus parentes en primeiro grao que colaboren na actividade agraria. Ademais tamén permite que se vendan en establecementos locais de venda polo miúdo ao consumidor local, sempre que a transacción se formalice directamente e sen intermediarios entre o produtor e o establecemento de venda final.

A directora xeral de Produción Agropecuaria destacou que o sector apícola se configura como un dos mellores modelos de produción sustentable, xa que se trata dunha produción totalmente respectuosa co medio e á vez que facilita a polinización, unha función que contribúe ao equilibrio ecolóxico.