Presentada a décimo sexta edición de Megaxove

  • A Xunta colabora coa nova edición de Megaxove que Expourense acollerá durante a ponte da Constitución
  • A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, na rolda de prensa de presentación do certame explicou as actividades programadas pola Secretaría xeral para O Deporte
  • Díaz Mouteira salientou o carácter interxeracional do salón da Xuventude que ofrece un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros

21215 RP Megaxove2015

 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou onte na rolda de prensa de presentación da décimo sexta edición de Megaxove, Salón da Xuventude que, dende o 5 ata o 8 de decembro, ofrecerá máis de 150 actividades de lecer e deportivas e converterá a Expourense no punto de encontro da mocidade galega durante a ponte festiva da Constitución e onde miles de rapaces e rapazas participarán de forma activa.

Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente. “Valores, todos eles, que dende a Xunta de Galicia non podemos deixar de apoiar e estimular e, por iso, un ano máis, a Secretaría xeral para o Deporte súmase a este proxecto como colaborador” asegurou Díaz Mouteira.

Marisol Díaz referiuse, na súa intervención, á conmemoración do Día Internacional do Voluntariado que se celebra o día 5 de decembro, coincidindo coa apertura do certame. Aludiu ás preto de 900 asociacións que integran a Rede de Voluntariado Galego e asegurou que Megaxove é “o mellor escaparate para dar a coñecer as actividades relacionadas co lecer, a cultura ou o deporte que organizan durante o ano as distintas asociacións e clubs sen ánimo de lucro nas que están implicados miles de voluntarios e voluntarias de todo Galicia”.

A delegada territorial salientou o carácter interxeracional do salón, no que pais e avós acompañan e comparten actividades cos máis pequenos.

21215 RP Megaxove

También te podría gustar...