Presentación do traballo audiovisual do “Concerto de amizade Galicia-Escocia”

Presentacion.dvd.concerto.amizade.escocia.galicia.01

 

No salón de actos do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” tivo lugar hoxe a presentación do DVD conmemorativo do “Concerto de amizade Galicia-Escocia”, realizado pola Scottish Power Pipe Band e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que se gravou no Auditorio do Carballiño no ano 2013, coa colaboración de Iberdrola e do Concello do Carballiño. O acto contou coa presenza do director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo; o delegado en Galicia de Iberdrola, Francisco Silva, o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, e o concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño, Rodrigo González.

Foxo dixo que esta iniciativa pretendía “interconectar o mundo da cultura Celta por medio dun acto de irmanamento, tendo como nexo de unión a música das gaitas de Galicia e Escocia tocando xuntas como o fixeron cando interpretaron os himnos”. Galicia e Escocia son os lugares do mundo onde a gaita se cultiva con máis esmero e dende aquí espallouse por todo mundo e evolucionou, configurándose en cada área coas súas características morfolóxicas e tímbricas. Este traballo audiovisual é, en opinión de Xosé Lois Foxo, “a mostra da unión de Escocia e Galicia por medio do símbolo máis sagrado da súa música: a gaita, mostrándonos que este une aos pobos”.

Foxo comentou tamén que a Real Banda está a preparar xa o que será a súa próxima actividade: o Concerto de Nadal, que este ano ofrecerá dende a Colexiata de Xunqueira de Ambía o día 20 de decembro, unha actividade que cada ano a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense realiza dende un lugar significativo e característico da nosa provincia.

También te podría gustar...