Presentación do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

  • O Concello de Quiroga presentou os actos culturais e de tradición oral programados para a Feira do Viño de Quiroga

 

Trátase do Recital Cultural de Tradición Oral e o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, no que este ano participarán doce agrupacións musicais.

O acto de presentación tiña lugar onte pola tarde na Casa de Cultura de Quiroga, coa intervención do Director da Real Banda de Gaitas de Ourense, José Luis Foxo, do Concelleiro de Cultura, José Luis Rivera e do Alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

Quiroga vai ser novamente, o vindeiro sábado, un escenario único, no que se van xuntar 500 músicos de agrupacións chegadas do norte de Portugal, de León, de Asturias, de Galicia e da Galicia Emigrante.

O Certame Celtibérico estará dedicado este ano a Alfonso Muíño, un dos investigadores máis importantes no coñecemento da gaita, centrándose no estudo das palletas. Con esta homenaxe, en palabras de José Luis Foxo, preténdese que siga sendo un referente na cultura da gaita e tamén que Quiroga teña un espazo para a música tradicional.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, matizou que non é fácil atopar un número tan significativos de músicos que encherán de cor e son as rúas da vila quiroguesa, nun acto que serve para manter a tradición e a cultura.

No Certame Celtibérico, que comezará ás once e media da mañá, participarán bandas de gaitas nos catro graos e contarán cun equipo de xuíces profesionais que farán informes de cada banda.

Na presentación do acto tamén estiveron presentes os integrantes da Escola de Gaitas San Martiño de Quiroga, que baixo a dirección do seu profesor, Marco Foxo, interpretaron varias pezas musicais e incluso remataron interpretando a Pastora do Caurel.

También te podría gustar...