presentacion.VII.marcha.bbt.concello.monterrei.02

 

O vindeiro domingo, 28 de xuño, celebrarase no Concello de Monterrei a VII Marcha de bicicleta de montaña (BTT), que percorrerá en tres rutas un total de 100 quilómetros pola contorna do municipio. Onte tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a presentación deste evento, a cargo do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, e o representante do club BTT Verín, Eulogio Feijoo.

Rosendo Fernández destacou que esta proba “dinamiza a comarca de Monterrei por medio do deporte e dunha actividade saudable como son as marchas polo medio rural, actividades que a Deputación promove e potencia porque a institución provincial estará sempre ao carón das actividades deportivas polos valores e as virtudes que amosan”.

Pola súa banda, José Luis Suárez dixo que a Marcha BTT “é un evento xa consolidado que da comezo as numerosas actividades deportivas, culturais e de ocio que desenvolvemos no municipio ao longo do verán”, entre as que citou a 10ª Liga de Fútbol entre os pobos do concello, a 2ª Andaina do Viño de Monterrei ou a 2ª Carreira Popular.

A VII Marcha BTT desenvolverase entre as 09.30 e as 14.00 horas. Haberá tres percorridos a elixir, e combinables uns con outros: un de 43 quilómetros de dificultade media-alta; outro de 32 quilómetros, de dificultade media, e un terceiro, de dificultade baixa, de 18 quilómetros e orientado aos rapaces máis cativos para que poidan ir acompañados de persoas maiores.

Todos as rutas serán vixiadas por dispositivos de seguridade e atención médica, nun evento que non ten carácter competitivo, senón que está deseñado como marcha de velocidade libre. Os obxectivos son fomentar o deporte da bicicleta e concienciar sobre a práctica deportiva, potenciar o coñecemento da natureza e dinamizar a comarca de Monterrei.