Xabier Casares, Manuel Baltar e Bieito Ledo

 

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da primeira biografía do escritor Carlos Casares, obra de Denis Vicente e publicada pola editorial Ir Indo dentro da colección “Galegos na Historia”. A obra, titulada Carlos Casares, Compromiso con Galicia, recolle en 64 páxinas “a visión dun Carlos Casares narrador pero dinamizador cultural, solidario e un home que lle prestou moita atención á literatura infantil”, explicou o presidente da “Fundación Carlos Casares” e irmán do escritor, Xabier Casares. “Carlos sempre dicía que Galicia era unha suma de corazóns, nun un simple trazo no mapa, e que todos xuntos debemos loitar para que non se esqueza a nosa cultura e a nosa lingua”, afirmou Xabier Casares.

No acto de presentación, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou a colaboración da institución provincial coa Fundación Carlos Casares porque, dixo, “representa a posta en valor dun referente da ourensanía e dun dos grandes escritores da literatura galega, que soubo conectar directamente coas sensacións e o sentimento”. Baltar salientou que Casares “merece unha homenaxe permanente polo seu compromiso coa nosa terra, coa nosa lingua e coa nosa cultura, e todos temos a obriga de seguir difundindo a súa obra”.

Pola súa banda, o editor Bieito Ledo  explicou que a obra forma parte dunha colección que inclúe biografías de 41 ilustres persoeiros da literatura e a arte en Galicia, 14 deles de Ourense, e  destacou a importancia que segue a ter a edición impresa afirmando que hoxe en día “que tan complicado resulta editar un libro temos que pensar no grande valor que ten porque o que vai por Internet é o pole, pero un libro é unha abella que converte ese pole en mel”.

O libro preséntase ao público esta tarde, ás 19.30 horas, no Liceo de Ourense