• Manuel Baltar e Javier Guillén analizan os preparativos da “Vuelta a España” en Ourense
  • O presidente da Deputación e o director xeral da “Vuelta a España” reuníronse hoxe no Pazo Provincial para analizar aspectos organizativos e de coordinación da proba ciclista, que disputará o vindeiro mes de agosto catro etapas na provincia ourensá
  • Un encontro cos medios de comunicación ourensáns que cubrirán a carreira, unha reunión en Cabeza de Manzaneda cos alcaldes dos municipios polos que discorrerá a “Vuelta” e un acto infantil para promover o ciclismo entre os máis novos son os eventos programados para as vindeiras semanas
Javier Guillén e Manuel Baltar

Javier Guillén e Manuel Baltar

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao director xeral de “Vuelta a España”, Javier Guillén, con que analizou os preparativos que se están levando a cabo por parte da organización da “Vuelta a España” 2016 para a disputa das catro etapas que discorrerán pola provincia de Ourense. En concreto, un dos temas que trataron foi o encontro que está previsto celebrar na provincia de Ourense a principios do vindeiro mes de maio cos medios de comunicación ourensáns que van cubrir informativamente esta proba ciclista internacional, co fin de darlles a coñecer tanto os aspectos deportivos como os referidos á repercusión económica e social que terá a 71ª edición da “Vuelta a España”.

Outro dos temas que trataron Baltar e Guillén foi a organización, tamén no vindeiro mes de maio, dun acto que ten como obxectivo implicar aos deportistas máis novos da provincia de Ourense no ámbito do ciclismo, dándolles a coñecer as vantaxes e alicientes que ten a práctica deste deporte e a dimensión que acada coa disputa dunha proba tan importante como é a “Vuelta a España”.

Manuel Baltar afirma que a celebración da 71ª edición da “Vuelta a España” “suporá un antes e un despois no eido deportivo da nosa provincia, debido ao gran protagonismo que este ano terá o noso territorio nesta proba internacional, á que poderíamos denominar a “Vuelta a Ourense”. O presidente do goberno provincial destaca que durante estas semanas previas ao comezo da “Vuelta” “seguimos programando e coordinando actividades relacionadas con esta proba”. Entre elas cita a reunión que se celebrará en xuño na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, na que se dará conta aos alcaldes de todos os concellos ourensáns polos que pasa a “Vuelta a España” da repercusión mediática e promocional que significará para os municipios a súa presenza en medios de comunicación de todo o mundo, reunión que servirá tamén para coordinar os dispositivos necesarios para o desenvolvemento da carreira, “unha cooperación entre administracións que fará desta proba un éxito organizativo”, afirma o presidente.

Manuel Baltar considera que este logro deportivo e organizativo para a nosa provincia “é o resultado dun traballo intenso dos últimos anos, relacionado coa filosofía “Ourense Deporte” do Plan 15-19 de xestión e estratexia operativa da Deputación de Ourense”.

A “Vuelta a España” é un evento que xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia configuran as carreiras ciclistas máis importantes do mundo, sendo seguida por máis de 150 países e do que a organización estima que terá un retorno económico mínimo de 1,7 millóns de euros para a provincia de Ourense.

A presentación de equipos terá luar en Arnoia, sendo a primeira etapa unha crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño. A segunda etapa terá a súa saída na cidade de Ourense, a sexta etapa terá como meta a localidade de Luintra, e a sétima etapa sairá de Maceda. Catro etapas de máximo protagonismo ourensán, nas que a nosa provincia ofrecerá un gran escaparate ao mundo o vindeiro mes de agosto, co importante impacto mediático e promocional que elo supón nos máis de mil millóns de espectadores que se estima seguen a través dos medios de comunicación unha das probas ciclistas máis importantes do mundo.