Posposta a apertura do centro de saúde do Couto

  • O SERGAS pospón a apertura do centro de saúde do Couto
  • A día de hoxe aínda non dispón da licencia de primeira ocupación, solicitada ao Concello o pasado mes de xuño

couto

 

A Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense lamenta comunicar que pospón a apertura do novo Centro de Saúde de O Couto, inicialmente prevista para o vindeiro luns día 5 de setembro, ao non ter recibido a día de hoxe a licencia de primeira ocupación solicitada o pasado 21 de xuño.

O Sergas ten construído o centro de saúde do Couto, a súa dotación de equipamento, e estaría en condicións de iniciar a súa actividade o próximo luns día 5 de setembro, co ánimo de entregar á cidadanía o antes posible unha infraestrutura sanitaria que mellorará de forma moi significativa a calidade dos servizos sanitarios. Neste eido, o centro dispón dos servizos urbanísticos necesarios para o seu funcionamento, e conta tamén coa autorización de apertura de centro sanitario.

O Servizo Galego de Saúde entende que o proxecto executado se corresponde co proxecto sobre o cal foi obtida a licencia municipal de obras, e polo tanto non debería ter impedimento algún para a súa posta en servizo inmediata.

Dacordo co convenio de colaboración asinado no seu día entre o Sergas e o Concello de Ourense para a construción do centro de saúde de O Couto, a institución local comprometeuse á asumir a urbanización do perímetro. Do mesmo xeito, a licencia municipal concedida non fai mención a que a concesión da licencia de ocupación estea condicionada á urbanización do perímetro, polo tanto, son as obras contidas nese proxecto as únicas que se poden e deben executar.

Unha vez rematado o edificio conforme a proxecto, equipado e con persoal dispoñible e organizado, o Sergas vese na obriga de aprazar a súa entrada en servizo xa que, a día de hoxe non ten recibido comunicación formal algunha por parte do Concello de Ourense en resposta a solicitude de Licencia de Ocupación tramitada o pasado mes de xuño.

A Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense lamenta profundamente as molestias que esta situación poda causar a cidadáns e profesionais e continuará a traballar na procura da entrada en servizo deste centro sanitario á maior brevidade.

También te podría gustar...