Campaña de vacinación antigripal: comenza o luns, terá dous meses de duración e 185 puntos de atención en Ourense

  • Sanidade conta en Ourense con 185 puntos de atención para atender a Campaña de vacinación antigripal que comeza o luns e que terá dous meses de duración
  • A secretaria territorial da Xunta, Silvia Dorado, presentou a campaña e destacou que Ourense continúa a ser, xunto con Lugo, a provincia cos niveis mais altos de cobertura
  • Sanidade solicita á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non acuda masivamente os primeiros días da campaña

211016-campana-gripe

 

A secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, presentou onte en rolda de prensa a campaña de vacinación antigripal que a Consellería de Sanidade porá en marcha o próximo luns, 24 de outubro, e que se prolongará durante nove semanas de xeito continuado ata o vindeiro 23 de decembro. Dorado destacou que a provincia de Ourense conta cun total de 185 puntos de vacinación aos que os ourensáns poderán acudir para recibir as correspondentes vacinas.

Na presentación da campaña estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, María Villar; a subdirectora de Procesos de Enfermería da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras do Sergas, Montserrat Souto; e do xefe de servizo do centro de saúde Valle Inclán, Raimundo Gulín.

Nesta campaña Sanidade vén de investir 1.897.688 euros que posibilitou a adquisición dun total de 530.000 vacinas antigripais. Concretamente, os responsables sanitarios consideran que para acadar os obxectivos en Ourense ao longo de toda a campaña haberá que administrar 69.804 doses. En principio, Sanidade para dar inicio o luns á campaña xa ten distribuídas nos puntos de vacinación da provincia ourensá preto de 27.000 doses de vacina antigripal.

A secretaria territorial destacou especialmente o dato que inclúe o cartel informativo deste ano de que “no pasado inverno máis de 1.700 galegos ingresaron na pasada tempada de gripe, moitos en coidados intensivos, a maioría non vacinados”.

O obxectivo xeral desta iniciativa é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. Doutra banda, como obxectivos específicos, están a acadar unha cobertura do 65% na poboación de 65 ou máis anos e, ao igual que nos últimos anos, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario.

211016-rp-campana-gripe

 

Programar a vacinación

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de como e onde solicitar a cita. A poboación diana indicada para a son todas as persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións: persoas de 60 ou máis anos e persoas menores de esa idade pertencentes aos grupos de risco (persoas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas… persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, persoas con obesidade mórbida, persoas con disfunción cognitiva…); tamén a persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco, entre os que se atopa o persoal sanitario, e traballadores esenciais para a comunidade.

A secretaria territorial incidiu en que a vacinación durará nove semanas e que hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, dende a Consellería de Sanidade solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.

Campaña anterior

No que atinxe aos resultados de vacinación na campaña do pasado ano, nela administráronse un total de 569.000 doses acadando unha cobertura entre a poboación maior de 65 anos do 54,06 %. No caso da provincia de Ourense, a taxa de vacinación antigripal en persoas de 65 anos ou máis, foi 5 puntos superior, chegando a unha cobertura do 59,52 %. Ourense, xunto a Lugo, continúa a ser a provincia cos niveis máis altos de cobertura.

Na pasada campaña, na provincia ourensá notificáronse 3.608 casos de gripe, dos que 104 foron ingresados e se rexistrou un falecemento. Tamén foi a que menos ingresos e chamadas ao 061 contabilizou.

También te podría gustar...