Presentada a exposición «Retablos e diálogos», de Xulio Gil

  • A Deputación de Ourense presentou a exposición «Retablos e diálogos», de Xulio Gil
  • A inauguración tivo lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» onte as 20:15 horas

A sala de exposicións do Centro Cultural «Marcos Valcárcel» estrea nova exposición, «Retablos e diálogos», de Xulio Gil. A inauguración da mostra tivo lugar onte, no Centro Cultural. O acto de presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural, Francisco González; o asesor de cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; e o autor da exposición, Xulio Gil.

0 presentacin Retablo e Dilogos

Rosendo Fernández deulle a benvida ó Centro Cultural «Marcos Valcárcel» a Xulio Gil «un ourensán que ten a retranca e o bo saber dos ourensáns e que expuxo as súas obras nas melloras salas de Galicia e incluso en Madrid», manifestou o vicepresidente da Deputación de Ourense. Francisco González durante a presentación desta exposición afirmou que «Xulio Gil é un dos nomes propios da fotografía en Galicia». Esta exposición supón a «apertura das actividades do Outono Fotográfico da Deputación de Ourense», engadiu Francisco González.

A exposición de Xulio Gil está dividida en catro temáticas: espidos, retratos, retablos de vides, pan e millo e fotografías dedicadas a Ourense. Entre as fotografías dedicadas a Ourense atópanse instantáneas das Burgas e da Ponte fotografiadas dende abaixo para ofrecer unha perspectiva distinta e a imaxe das patacas polo seu recordo de «fartura» que asocia a Ourense, entre outras.

No grupo dos retratos, Xulio Gil afirmou que para realizar as fotografías «fun a súa casa e teñen un aspecto particular e, é que o artista case sempre acababa de mostrarme a súa obra por iso os seus retratos son moi íntimos, sendo eles mesmos no retrato». Os retratos aparecen expostos de dous en dous pois «están concibidos como diálogos entre eles mesmos», asegurou o autor da exposición.

Xulio Gil, un ourensán residente en Vigo, licenciado en Matemáticas e docente, é un fotógrafo comprometido coa expresión plástica nunha ben dilatada carreira que comeza no ano 1974. Dous anos despois, expón na Praza da Princesa, as primeiras fotografías cunha proposta netamente conceptual. Suscribe o compromiso 37 anos máis tarde, cando recolle o Premio da Crítica de Galicia das Artes Plásticas 2013, recoñecendo que é un premio para a Fotografía máis que para el mesmo.

 

 

También te podría gustar...