Percorrido pola historia de Cualedro en BTT

  • Cualedro acolle a primeira «Marcha BTT», un percorrido deportivo pola historia do municipio
  • A proba, que abrangue unha distancia de 36 quilómetros, disputarase o vindeiro domingo, 2 de outubro
Presentación da I Marcha BTT de Cualedro

Presentación da I Marcha BTT de Cualedro

 

O Concello de Cualedro acollerá o vindeiro domingo, 2 de outubro, a primeira «Marcha BTT», que discorrerá polas pistas e camiños rurais da localidade, cun percorrido total de 36 quilómetros, de dificultade media-alta. A presentación desta iniciativa tivo lugar onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde do Concello de Cualedro, Luciano Rivero; o responsable da área de Deportes dos concellos de Cualedro e Monterrei, Marcos Meno; o tesoureiro do Club BTT Verín, Pablo Larrayoz; e o responsable de protección civil de Verín, Manuel Higinio Alfonso.

Rosendo Fernández destacou a colaboración da Deputación de Ourense con esta iniciativa «que dinamiza o comercio e o turismo local, e que ademais, dá a coñecer o medio ambiente e a súa protección». Asemade, o vicepresidente do goberno provincial sinalou a importancia da colaboración público e privada para levar a cabo este tipo de iniciativas.

O alcalde do Concello de Cualedro dixo que este tipo de actividades permiten «dar a coñecer aos visitantes as potencialidades do noso municipio, así como activar o comercio local». Luciano Rivero explicou que esta proba deportiva pasará «por moitos puntos de interese da nosa localidade como o Castro da Saceda (declarado BIC), o xacemento de Santa Marta, e tamén entrará no Concello de Monterrei».

Pola súa parte, Marcos Meno agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense con esta iniciativa «deseñada para que participe todo o mundo e esperemos que se consolide no tempo».

A saída terá lugar ás 9.30 horas, e trátase dunha «proba deportiva que non ten carácter competitivo», explicou Marcos Meno, quen destacou a gran acollida que tivo a marcha pois «contamos con 102 inscritos ata o momento». Os interesados en participar poderán inscribirse na web www.bttverin.com ao longo do día de hoxe, e tamén o mesmo día da proba. Os prezos para participar son de 15 euros para a ruta e de 12 euros para o paseo, ambos con xantar incluído, e de 5 euros para a ruta sen xantar, sendo o paseo sen xantar gratuíto.

Luciano Rivero lembrou os devastadores incendios acaecidos recentemente no municipio e asegurou que «non quixemos suspender a marcha porque é unha maneira de repulsa aos incendios que castigan a nosa provincia».

O responsable de protección civil de Verín explicou que para esta proba «contaremos cun total de máis de 30 efectivos repartidos en distintos puntos do percorrido, cun posto sanitario na saída e na chegada, e como novidade, teremos unha unidade ciclista de protección civil Verín que participará cos corredores ao longo de todo o percorrido».

También te podría gustar...