Folgoso acolle a proxección da película galega María Solinha

  • Será o venres 16 de outubro 
    • O filme será presentado polo seu director, Ignacio Vilar, na Praza Manuel Fraga Iribarne ás 20:00 horas
    • O acceso é de balde e no caso de choiva o pase farase na Nave da Serra

 

O Concello de Folgoso do Courel acolle o próximo venres día 16 de outubro a proxección da película galega María Solinha.

O filme será presentada polo seu director, Ignacio Vilar, ás 20:00 horas na Praza Manuel Fraga Iribarne. A película, cuxo acceso será de balde, dará comezo ás 20:30 horas e de seguido haberá unha charla-coloquio co director. No caso de choiva, trasladarase á Nave da Serra.

Argumento

María Solinha foi unha das máis famosas “bruxas”, entre comiñas, de Galicia, onde mesmo hai rúas co seu nome. Ignacio Vilar, autor das cintas ‘A Esmorga e de ‘Pradolongo’, é un prolífico cineasta que sentiu atrapado pola historia dunha muller enorme que debía chegar xa ao común dos mortais e saír da lista das descoñecidas entre a sociedade.

A película, producida por Vía Láctea Films e TVG, narra as peripecias de María, unha viúva con posibles acusada de bruxería pola Inquisición, feito que lle custou a vida. O relato móvese entre principios do século XVII, cando iso ocorreu, e o XXI, porque entronca coa muller actual.

O elenco de protagonistas está formado por Laura Míguez, Graal Montes, Santi Prego, Antonio Durán «Morris», Mabel Rivera e Mela Casal.

A ficción arranca cun afamado director de teatro que chega a Cangas do Morrazo para reconstruír a lenda de María Solinha, que en realidade era María Soliño; aínda que Soliña (así ou ben con nh) é como o reflectiu a literatura. Este é só o inicio, pero a trama ten moita máis enxunlla.

A proxección forma parte da programación do Xacobeo 2021  da Xunta de Galicia e das actividades da Rede de Normalización Lingüística.