Ourense leva rexistradas o 9% das emerxencias na comunidade desde o inicio da alerta laranxa

aemetOurense leva rexistradas o 9% das emerxencias na comunidade desde o inicio da alerta laranxa.

O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou durante o día de hoxe un total de 334 incidencias, das cales 135 estiveron relacionadas cos fenómenos adversos de nivel laranxa de vento en terra, costeiro e choiva.

Así se desprende dun informe do centro de emerxencias galego, no que se especifica que entre as 10 e as 18 horas do día de hoxe atendéronse 1.778 chamadas e 334 incidencias. Rexistrando maior actividade durante a franxa horaria entre as 13,00 horas e as 15,00 horas.

Por provincias, a máis afectada foi Pontevedra, co 59 por cento dos incidentes, seguida da Coruña, co 29 por cento; Ourense, co 9 por cento e Lugo, co 3 por cento restante. A maior parte das incidencias estiveron relacionadas con anegamentos en rúas, anegamentos en estradas e caídas de árbores e pólas nas estradas.

Os concellos con maior número de incidentes foron Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e O Porriño, na provincia de Pontevedra; A Coruña, Ribeira e Boiro, na provincia da Coruña; O Carballiño en Ourense; e Lugo, A Fonsagrada, Monterroso e Pol, na provincia de Lugo.

Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección, nestes casos de temporais, como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras.

Así mesmo, aconséllase consultar a páxina web do Centro de Atención ás Emerxencias-112 Galicia (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica, recomendacións e con enlaces de interese.

También te podría gustar...