• O Observatorio Económico Ourensán resalta que a relación de afiliados sobre pensionistas leva dous anos mellorando grazas á creación de emprego
  • O informe, presentado hoxe, reflicte que a área metropolitana de Ourense, cun 41% máis de afiliados que de pensionistas, está en mellor situación que Galicia
  • Por terceiro semestre consecutivo hai creación neta de emprego e son maioría os concellos (actualmente 47) nos que aumenta o número de postos de traballo
  • O Observatorio inclúe nesta entrega un traballo sobre as pensións contributivas na provincia de Ourense, a análise máis ampla que se ten realizado sobre o colectivo de pensionistas, con estatísticas por comarcas e concellos
  • Manuel Baltar destacou a importancia do Observatorio, vencellado á planificación, “nunha provincia que ten un goberno cun proxecto de visión integral de provincial que nos permite anticiparnos en cuestións innovadoras”
  • Baltar destacou a estratexia “Conecta Ourense”, “un plan co que Ourense quere posicionarse na vangarda do desenvolvemento urbano sostible con solucións globais para a mobilidade, a accesibilidade, a interconexión, a revitalización de espazos e o fomento da economía emprendedora”

0 MB e Obs ECO ene16

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o 7º informe do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta que a institución provincial desenvolve para a análise económica, laboral, empresarial e social da situación económica da provincia ourensá nas súas comarcas. O Observatorio nace da implicación das institucións (Deputación e Inorde), a universidade e o ámbito empresarial, e na súa elaboración intervén un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados, coordinados polo profesor Andrés Mazaira.

Este sétimo informe do Observatorio resalta que a relación de afiliados sobre pensionistas leva dous anos mellorando grazas á creación de emprego, e que a área metropolitana de Ourense, cun 41% máis de afiliados que de pensionistas, está en mellor situación que Galicia, subliñando que por terceiro semestre consecutivo hai creación neta de emprego e son maioría os concellos (actualmente 47) nos que aumenta o número de postos de traballo.

O Observatorio inclúe nesta entrega un completo traballo sobre as pensións contributivas na provincia de Ourense, a análise máis ampla que se ten realizado sobre o colectivo de pensionistas, con estatísticas por comarcas e concellos. Neste sentido, Manuel Baltar destacou na presentación a importancia do Observatorio, vencellado á planificación, “nunha provincia que ten un goberno cun proxecto de visión integral de provincial que nos permite anticiparnos en cuestións innovadoras”

Máis velocidade para a terceira área metropolitana

O presidente do goberno provincial Baltar referiuse á estratexia “Conecta Ourense”, “un plan liderado pola Deputación e que conta colaboración do concello da capital e dos sete concellos limítrofes, para transformar e engadirlle unha velocidade máis á terceira área metropolitana máis dinámica de Galicia”. “Con este plan –explicou Baltar- Ourense quere posicionarse na vangarda do desenvolvemento urbano sostible con solucións globais para a mobilidade, a accesibilidade, a interconexión, a revitalización de espazos e o fomento da economía emprendedora”.

Referíndose ao informe do Observatorio Manuel Baltar dixo que o sobre o colectivo de pensionistas “entronca coa dimensión demográfica que vai adquirindo o Observatorio Económico Ourensán nas recentes entregas. Como veño reiterando desde que accedín á Presidencia da Deputación, o envellecemento poboacional é o gran reto a superar nos vindeiros anos”. Sobre este aspecto afirmou que o goberno provincial traballa nesa dirección, “coa posta en marcha de plans como o de apoio á natalidade na provincia; a alianza co sector empresarial máis puxante e accións vencelladas coa internacionalización das nosas empresas”.

O informe do observatorio sinala que a diferencia do que acontece en moitas zonas de Galicia e de España, o aumento no número de pensionistas non é a causa principal da descompensación entre emprego e pensións. De feito, o censo de perceptores apenas medrou un 0,56% desde 2011, fronte a unha media do 4,5% en Pontevedra, do 3,6% na Coruña e do 2,8% en Galicia. E en tres anos (entre 2011 e 2014), a subida neta limitouse en Ourense a 500 persoas.

Tal e como constata o Observatorio Económico Ourensán, as zonas rurais da provincia non só están a soportar graves restricións demográficas, sociais e económicas, senón que ademais a principal fonte de ingresos das familias e o pulmón da renda familiar no medio rural, as pensións, teñen a cada paso menos perceptores na gran maioría dos concellos ourensáns. Só logran inverter esa tendencia os municipios que responden a tres tipoloxías moi definidas. A primeira é a de pertenecer ao entorno da cidade de Ourense e ter unha considerable densidade empresarial. A segunda é ser un dos concellos que tirou do sector inmobiliario (e dos censos de poboación) antes da crise económica. E a terceira tratarse dunha cabeceira de comarca con moderado desenvolvemento económico.

Nas áreas de Terra de Caldelas, A Baixa Limia e Terra de Trives o censo de pensionistas diminuíu máis dun 5% en tres anos, ao igual que en 32 municipios. Mentres, en tres de cada catro concellos da provincia hai hoxe menos perceptores que a finais de 2011. En senso contrario, entre Ourense e Valdeorras aportan 10 dos 19 únicos municipios nos que aumentou o número de pensionistas nese período.

A completa análise sobre as pensións que centra esta entrega do Observatorio Económico da Deputación dedica un dos seus capítulos a pormenorizar nos importes medios. O seu rango móvese, dentro da provincia, nun valor absoluto de 358 euros e nunha proporción do 61,7%. Dito doutro xeito, a diferencia entre a pensión media máis alta, que é a que cobran os perceptores residentes en Carballeda de Valdeorras (939 euros de media), e a pensión media máis baixa, que é a dos pensionistas de Quintela de Leirado (581 euros), sitúase en algo máis de 358 euros. E en termos relativos, un pensionista de Carballeda de Valdeorras cobra de media un 61,7% máis que un perceptor de Quintela de Leirado.

As comparativas entre os importes son tamén moi apreciables a nivel intracomarcal, ao existir fortes variacións mesmo entre concellos limítrofes. O Observatorio sitúa o mapa das pensións máis elevadas na cidade de Ourense e no seu entorno, na práctica totalidade de Valdeorras (coas excepcións de A Veiga e O Bolo) e no conxunto de Terra de Trives (agás en Chandrexa de Queixa). E no lado oposto, no dos perceptores con menor poder adquisitivo, sorprende que catro comarcas con alto ou moderado desenvolvemento empresarial rexistren as pensións medias máis baixas da provincia: A Limia, Terra de Celanova, Carballiño e Verín, co acompañamento da Baixa Limia.

Por outra parte, case un 30% da poboación de Ourense percibe unha pensión contributiva, o que significa 5,5 puntos porcentuais máis que a media galega e 11 puntos máis que a media de España. A comarca de Ourense é a única na que a proporción non acada o 25%.

En canto á cobertura das pensións contributivas dentro do colectivo dos maiores de 65 anos, en Ourense achégase ao 80% e en Galicia ao 78,5%. A análise dos pensionistas por tramos de idade reflicte que, en Valdeorras, máis do 25% dos perceptores teñen menos de 64 anos. No conxunto da provincia, a pensión por xubilación representa o 63,3% do total (62% en Galicia) en comparación co resto de modalidades.

A nómina global dos pensionistas residentes en Ourense cifrábase en 2014 en 969,5 millóns de euros, cun 1,93% de crecemento interanual. Os perceptores ourensáns ingresan o 12,7% do total que percibe Galicia, cando en términos de poboación tendrían que acadar o 14,8%.

Tres semestres con creación neta de emprego

O Observatorio Económico Ourensán inclúe o seu habitual estudo sobre a evolución dos mercados de traballo locais. Como primeiras conclusións, salienta que desde hai tres semestres consecutivos existe creación neta de emprego na provincia e desde ese mesmo período de ano e medio perdura a hexemonía dos concellos (47 na actualidade) nos que sigue gañando corpo o mercado laboral (está a crecer o número de afiliacións á Seguridade Social).

Con todo, o sinal de alerta radica en que a rexeneración laboral perdeu brío no último semestre, xa que por primeira vez desde 2014 está por debaixo do 1% en taxa interanual. Deste xeito, a provincia ten agora un pouco máis lonxe que hai seis meses o fito de recuperar a barreira dos 100.000 afiliados, nivel que sí conquistou en meses illados -non nun semestre completo- entre xuño e outubro de 2015.

Aos 47 concellos que están a xerar emprego neto súmanse, de xeito agrupado, un total de seis comarcas: Terra de Caldelas, Ourense, Allariz-Maceda, Valdeorras, Carballiño e Terra de Trives. Entre tanto, as comarcas do sur da provincia -ás que se suma O Ribeiro- sufren pérdida de traballadores afiliados en taxa interanual.

Cabe salientar que un total de 15 municipios logran aumentos nas afiliacións a un ritmo superior á media galega (1,8%) e nacional (3,1%). E dentro deste grupo, hai seis casos nos que a recuperación laboral transita a unha velocidade superior ao 5% anual: Lobeira (9,3%), Vilardevós (9,3%), Cenlle (6,1%), Sandiás (5,6%), Montederramo (5,2%) e Chandrexa de Queixa (5,2%). No listado dos concellos que están a tirar do emprego atópanse a metade das cabeceiras de comarca.

No acumulado da crise, a provincia contabiliza un 12% menos de afiliados, descenso equiparable ás medias de Galicia (-11,7%) e de España (-11,1%). En catro comarcas (Verín, Allariz-Maceda, Viana e Ourense, que xa roza de novo os 50.000 afiliados), a baixada acumulada é inferior ao 10%. E no ámbito municipal, cómpre destacar que San Cibrao das Viñas, Barbadás e Allariz levan ano e medio sendo os primeiros concellos ourensáns en remontar a crise por completo e en sumar máis empregos locais que os que rexistraban a finais do ano 2007.

Outro feito destacado é que no último semestre duplicouse o número de concellos que perden menos do 10% dos afiliados en taxa acumulada desde 2007. En seis meses pasaron de ser seis a doce. As cabeceiras comarcais consolídanse como os mellores refuxios laborais da provincia.