Ourense é a provincia que máis incrementa as horas do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes

Foto AncianoA Consellería de Traballo e Benestar vén de incrementar en 6 millóns de euros en toda Galicia o orzamento de 2015 para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes, ata chegar aos 46,3 millóns. Esta actuación enmárcase na aposta do Goberno galego polos servizos profesionais de proximidade no domicilio.

Polo tanto, o SAF experimenta un importante pulo no ano 2015 en toda Galicia, o que permitirá atender a uns 2.000 demandantes novos, o que requirirá a atención duns 700 traballadores. Este aumento beneficiará tamén aos concellos da provincia de Ourense que verán incrementadas as horas de SAF nun 25,9 por cento, é dicir, en máis de 14.374 horas ao mes. Esta actuación permitirá atender a 450 persoas máis.

Na actualidade, máis de 1.700 persoas con dependencia benefícianse deste servizo nos concellos da provincia ourensá. Na cidade das Burgas, que conta nestes momentos con 120 usuarios, o aumento de horas é do 25,4 por cento.

A aposta do departamento autonómico por este tipo de servizos para as persoas dependentes é clara e decidida e, por iso, desde 2009 leva incrementando a prestación do SAF en toda Galicia.

RP SAF

 

Na provincia de Ourense, o incremento de horas, dun 25,9 por cento, terá lugar no 87 por cento das localidades que a conforman. En toda Galicia, nove de cada dez concellos verán incrementadas as horas deste recurso asignadas ao longo deste ano.

Co incremento anunciado, poranse a disposición dos concellos este ano un total de 409.292 horas mensuais destinadas ao SAF dependencia fronte ás 338.154 h/mes asignadas actualmente.

Melloras na xestión

O Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes é o recurso máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda, así como polas súas familias coidadoras. Por iso, o Goberno galego no só leva a aumentar o financiamento deste recurso, senón que desenvolveu diversas melloras na xestión da asignación do servizo a través da posta en marcha do módulo extranet aos concellos e do Programa de Asignación de Recursos. O aumento no orzamento e na tramitación destas prestacións permitiu o incremento do número de persoas beneficiarias, xunto coa axilidade na asignación do servizo.

O reparto de horas entre os concellos terá efectos inmediatos. A previsión da Consellería é que este verán se alcance a execución total das horas, é dicir, que estean asignadas a algún beneficiario.

También te podría gustar...