Aposta polo polígono industrial de San Cibrao

  • Deputación de Ourense e Concello de San Cibrao apostan polo polígono industrial
  • Un estudo analizará novas estratexias de captación de investidores e atracción de empresas para a área industrial máis importante de Galicia
  • Manuel Baltar e o alcalde de San Cibrao asinaron un convenio de colaboración para a realización de traballos de prospección de mercado, identificación de sectores clave e estratexias de promoción internacional
  • A promoción industrial complementarase por parte do concello con accións que poñan en valor os recursos turísticos do municipio, como as rutas de sendeirismo e paisaxes como a Boutureira

0 0 MB e MPF S Cibrao

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, asinaron no Pazo provincial un convenio de colaboración entre ámbalas dúas administracións que permitirá analizar novas estratexias de captación de investidores e atracción de empresas para o Polígono de San Cibrao das Viñas, xunto con accións de promoción que levará a cabo o concello para poñer en valor os recursos turísticos do municipio, como as rutas de sendeirismo e enclaves paisaxísticos como a Boutureira. O investimento total para as liñas de promoción empresarial e turística que achegan o goberno provincial e o Concello de San Cibrao ascende a 42.000 euros.

O acordo entre Deputación de Ourense e Concello de San Cibrao contempla a elaboración dun documento que recollerá as estratexias para levar a cabo traballos de prospección de mercado, identificación de sectores clave, para os que o polígono ofreza especiais vantaxes, e definiranse tamén liñas de promoción internacional.

Manuel Baltar defende «a firme alianza estratéxica entre o goberno provincial e o polígono de San Cibrao, que ampliamos con este convenio co concello, no que se sitúa a área industrial máis importante de Galicia», e destaca que esta colaboración «tivo a súa orixe no berce do polígono, pois a Deputación de Ourense foi clave para a creación deste recinto empresarial hai cincuenta años, e agora, como daquela, seguimos apostando pola competitividade, a innovación e a modernización do polígono de San Cibrao».

O plan de traballo de promoción industrial do Polígono contempla nunha primeira fase a elaboración dun documento no que se analizarán as prioridades e a percepción existente sobre o Polígono. Tamén se definirán os «factores clave» como son a distribución de actividades, os usos permitidos, a conectividade e comunicacións, as infraestruturas, a contorna socio-económica e a cualificación laboral, os proxectos para a zona e os apoios e incentivos.

Nunha segunda fase realizarase a proposta de promoción internacional do Polígono e unha estratexia sectorial, nas que se analizarán debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades, estudo que se cruzará cos requerimentos de ocupación que teñen empresas con actividades similares ás situadas no Polígono de San Cibrao. A estratexia de captación nacional e internacional realizarase tendo en conta a orixe dos potenciais investidores en España, co obxectivo de caracterizar os de maior posibilidade de ubicación, e identificaranse axentes, institucións e eventos-clave que permitan canalizar e desenvolver accións de internacionalización.

 

También te podría gustar...