Os usuarios dos once centros sociocomunitarios de Ourense participan nunha campaña de saúde bucodental

saúde bucodental

Os usuarios dos once centros sociocomunitarios de Ourense participan nunha campaña de saúde bucodental.

O Centro Sociocomunitario de Ribadavia acolleu hoxe a actividade “A saúde bucodental non é cuestión de idade” que dende o mes de outubro e ata finais de ano se está a desenvolver nos once centros sociocomunitarios da provincia de Ourense co fin de fomentar hábitos de hixiene bucodental entre as persoas maiores.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado pola xefa territorial da Consellería de Sanidade, María Villar ,e polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas,  acudiu a este centro e animou aos seus usuarios a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á saúde bucodental, que repercutan nunha maior calidade de vida.

A actividade dirixida aos usuarios dos once centros sociocomunitarios da provincia consiste na realización dunhas charlas formativas, coas que os maiores aumentarán os seus coñecementos e habilidades relacionadas coa saúde bucodental na vida diaria e coa adquisición de hábitos de hixiene.

Os últimos datos sobre saúde oral en España sinalan que o índice de caries dental nos maiores de 65 anos duplica á da poboación adulta e que máis do 90% presenta enfermidade periodontal. Unha saúde bucodental deficiente inflúe na aparición de determinadas enfermidades sistémicas, no benestar xeral das persoas, na súa capacidade de comer e de falar, e mesmo pode afectar a saúde mental e as relacións sociais.

Os maiores de 65 anos manifestan ter peores hábitos no referente a hixiene bucal diaria e  mesmo un 5,3% recoñece que non realiza ningún cepillado de dentes ao día. Ante estes datos e dado o envellecemento progresivo da poboación, a xefatura territorial de Sanidade, en colaboración coa xefatura territorial de Traballo e Benestar, decidiu organizar este programa co obxectivo de mellorar a saúde bucodental dos maiores da provincia ourensá.

Nesta iniciativa participan maiores dos once centros sociocomunitarios existentes na provincia: Ourense, Pontepelamios (Ourense), Ribadavia, Maceda, Xinzo da Limia, Viana do Bolo, O Barco de Valdeorras, Petín, Celanova, Carballiño e Verín.

 

También te podría gustar...