Os pintores Alexandro, Lamazares e Vidal Souto levan a súa obra de Ourense a Madrid

1 1 1 1 2015 MB e Madrid

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou en Madrid a exposición conxunta dos pintores ourensáns Alexandro, Lamazares e Vidal Souto, unha mostra que chega ao Centro Cultural «Conde Duque» logo da exposición conxunta que exhibiron no «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense ata o pasado 23 de febreiro. O presidente do goberno provincial visitou a mostra xunto á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o vicepresidente, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; Pedro Corral, en representación do Concello de Madrid, e os tres artistas representados.

A obra destes tres recoñecidos pintores ourensáns poderá contemplarse no Centro Cultural «Conde Duque» de Madrid ata o 31 de maio. A mostra, baixo o nome de «Alexandro, Antón, Vidal» comisionada e coordinada por Miguel Santalices, que inclúe máis de 50 obras destes autores, considerados como os tres mellores artistas vivos de Galicia, exhibe traballos fundamentalmente actuais destes tres pintores, aínda que no caso de Antón Lamazares tamén se comtemplan algunhas obras datadas dende finais dos anos 80.

Dentro do concepto territorial de «Ourensanía» no que se pretende mostrar a peculiaridade e o feito diferencial galego, os tres artistas comparten linguaxes e traxectorias que están vinculadas a unha determinada visión cultural ou antropolóxica deste territorio. Manuel Baltar destaca que esta é unha exposición conxunta «do tridente de ouro da plástica da Ourensanía, tres grandes artistas da pintura galega», e engade que esta é unha «ocasión maiúscula para que a personalidade dos tres xenios do noso arte se poida contemplar en Madrid, para que Antón, Alexandro e Manuel se convirtan en embaixadores de Galicia na capital de España».

Tamén neste senso se expresa no catálogo da exposición a alcaldesa de Madrid, Ana Botella, quen afirma que a amizade e a creatividade destes artistas fixo posible a súa unión para a presentación desta mostra, que abrangue un período de 1985 a 2013, unha mostra que amosa o compromiso dos tres creadores co arte e coa súa terra».

Pola súa banda, Miguel Santalices subliñou que Alexandro, Lamazares e Vidal «forman parte do noso patrimonio, algo que temos que poñer en valor, pois individualmente son especiais pero en conxunto son universais, xa que a súa obra enche os mellores artigos da nosa historia».