Os nenos e nenas da Escola Infantil “A FARIXA” coñecen de preto o traballo da Policía Nacional

PN na Farixa

 

Os alumnos e alumnas da escola infantil “A Farixa” recibiron hoxe a visita dunha representación de membros da Policía Nacional, dentro dunha serie de actividades organizadas por estes centros dependentes da Consellería de Traballo e Benestar co obxectivo de achegar aos máis pequenos a labor social de diferentes colectivos de servizos públicos e o seu modo de traballar.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, achegouse a esta escola infantil para compartir a xornada cos preto de 70 nenos e nenas de 1 a 3 anos que participaron na actividade. No centro “A Farixa” están matriculados 95 nenos e nenas con idades entre os 3 meses e os 3 anos e que son atendidos por un total de 16 traballadores.

PN na Farixa (1)

 

Dentro deste programa de actividades inclúese tamén a visita, o vindeiro mes de xuño, do Corpo de Bombeiros.

Martínez aproveitou a visita para lembrar que está aberto, ata o 27 de maio, o prazo para solicitar o cheque infantil co que Benestar beneficiará máis de 1.100 prazas de 0-3 anos no curso que vén. Estas axudas terán como prioridade, como en anos anteriores, aqueles nenos e nenas que xa tiveran concedida a axuda no curso pasado, e como novidade, establécense tamén como preferentes os solicitantes de concellos sen oferta de escolas infantís sostidas con fondos públicos.

O delegado territorial indicou que a contía a percibir polos usuarios por cada praza de xornada completa oscilará entre os 45 euros mensuais das rendas máis altas e os 250 euros para as rendas máis baixas.