Os labores de expurgo da Xunta en Ourense liberan espazo en Xulgados que acumulaban arquivos dende o século XIX

Os labores de expurgo da Xunta en Ourense liberan espazo en Xulgados que acumulaban arquivos dende o século XIX.

  • Retíranse centos de caixas que colapsaban e dificultaban o traballo nas dependencias xudiciais
  • A Audiencia Provincial almacenaba arquivos datados en 1883
  • Os documentos anteriores a 1945 serán enviados ao Arquivo Histórico Provincial

Expurgo colocado   Os traballos de expurgo que a Xunta levou a cabo nos xulgados da provincia de Ourense liberaron o espazo que ocupaban centos de caixas con documentación xudicial de hai case dous séculos.

O labor realizada nas dependencias xudiciais de toda a provincia consistiu na localización, identificación e relación de expedientes anteriores a 1946. Os documentos da Audiencia Provincial, a que maior volume almacenaba, atopábanse nun local na Cámara da Propiedade e, ata a súa ordenación pola arquiveira, estaban tirados polo chan en total desorde e cheos de lixo. Procedeuse tamén á clasificación por anos do resto de documentación atopada neste local e nun piso adxacente, no que se atopou documentación do Xulgado do Carballiño

Destes fondos, organizáronse e relacionáronse para ser transferidos ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense, os documentos que chegan ata o ano 1945. O Arquivo Histórico acollerá a documentación do Xulgado de Instrución provincial de responsabilidades políticas e o Tribunal especial de foros, cun especial valor documental. Ademais,en vindeiras datas recolleranse documentos de outros xulgados.

Na comunidade galega existen 50 arquivos xudiciais, os do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as catro Audiencias e os 45 partidos xudiciais; algúns deles con expedientes que datan do seus inicios a comezos do século pasado. Estimase que en total estean almacenados uns 3 millóns de expedientes, con máis de 150 millóns de folios.

Mediante o traballo de expurgo, estase levando a cabo un inventario dos fondos documentais que gardan os xulgados galegos determinando cales son dignos de se conservar polo seu interese histórico e cales se poden eliminar. Con esta medida, estímase que as sedes xudiciais galegas gañen un 75 por cento de espazo, ao tempo que se facilita o acceso á documentación que queda, e conservar o patrimonio galego. Ademais, esta iniciativa supón un paso máis adiante no obxectivo de modernizar a Administración de Xustiza, no que a Xunta leva traballando dende a pasada lexislatura.

 Expurgo desordenado

También te podría gustar...