• Turismo de Galicia leva a promoción dos centros BTT galegos a Madrid na feira Unibike 2016
  • A Xunta instalou neste certame turístico un stand para promover o cicloturismo e a bicicleta de montaña na Comunidade galega
  • Manteranse reunións con operadores turísticos especializados e divulgarase a Rede de centros BTT de Galicia

image_gallery-1

 

Ata o vindeiro domingo día 25, Turismo de Galicia estará presente na feira Unibike, o certame máis importante de España no eido do ciclismo, para dar a coñecer a oferta galega no que se refire ao cicloturismo e á bicicleta de montaña, ao público en xeral e manter contactos con operadores turísticos especializados, co obxectivo de organizar viaxes cara a comunidade galega coa práctica deste deporte como motivo principal.

Deste xeito, Turismo de Galicia instalou por segundo ano consecutivo un recinto para acoller aos visitantes interesados na oferta turística galega relacionada con estas modalidade ciclistas e ofrecer información específica dos lugares e as posibilidades coas que conta a comunidade galega.

Ademais, o organismo de promoción turística da Xunta participará no Foro Unibike para presentar a rede de centros BTT de Galicia formada polas instalacións do Salnés, en Pontevedra; e Portas de Galicia, Ribeira Sacra e O Xurés, en Ourense.

image_gallery-1

 

Centros BTT

Promovidos por Turismo de Galicia, a comunidade galega conta cunha rede de catro centros BTT para a práctica da bicicleta de montaña situados en Meis, Centro BTT O Salnés; no norte de Ourense, Centro BTT Ribera Sacra; no leste desta provincia, Centro BTT Portas de Galicia; e no sur, Centro BTT O Xurés.

Centros BTT Galicia é un proxecto que dota á Comunidade Autónoma de Galicia dunha rede para a práctica con bicicletas todo terreo (BTT) que na actualidade xa ofrecen máis de 500 quilómetros de rutas acondicionadas e sinalizadas para gozar da bicicleta de montaña

Un Centro BTT é un espazo ao aire libre, deseñado e preparado para usuarios da BTT, que posibilita o coñecemento do medio rural e natural desde a perspectiva do ciclismo, tanto no eido competitivo como no do lecer.