Hoxe no Centro Cultural Avenida, arranca a programación cultural do semestre no Concello da Rúa coa representación de “Falar sen Cancelas”. A obra comeza ás 19:00 horas (prezo de 4 €, reducida 3 €) e está protagonizada por Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz e forma parte da programación organizada conxuntamente polo Concello da Rúa e a AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais).

Ficha artística:

Elenco: Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz
Director: Diego Rey
Xéneros: Comedia, Clown e Improvisación
Duración: 75 minutos
Público: Adultos

dossier_falar sen cancelas_Página_4


dossier_falar sen cancelas_Página_5

Descrición:

Hai xente que fala por falar. Outros falan polos cóbados. Algúns falan os sete falares. E non son poucos os que falan do xato e se esquecen do trato. Porque prefiren falar dos biosbardos, das nubes ou do sexo dos anxos antes que ir ao conto. Soltar unhas parrafadas -mesturando o allo co bugallo e sen querer quitarlle lobos ao asunto- é unha arte que, se se manexa ben, dá xenio escoitar. En definitiva, que o falar non ten cancelas, sobre todo nun lugar en que cada palabra conta, ás veces por dous, no que o duplo significado abrolla en cada xiro da lingua e a retranca fai rimar humor con historia cada vez que alguén abre a boca.

Somos un pobo de contos, de lendas, de relatos. Sabemos falar. E cando falamos, falamos ben. Porque temos, igual que acontece coa choiva, mil e unha maneiras de describir as nosas formas de conversar. E porque contamos con artistas que, como Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei, fan de cada palabra un espectáculo. Coa certeza de que vivimos nun país de historias e co espírito da retranca tatuado na pel, este trío de artistas unen os seus talentos para crear o formato de FALAR SEN CANCELAS, unha auténtica gala do humor.

Culturactiva SCG produce deste xeito un espectáculo con tres cómicos excepcionais, coñecidos polo público e respectados pola profesión, como son Pedro Brandariz, Fran Rei e Isabel Risco que intercalarán sobre o escenario unha serie de monólogos propios, gags, recursos e xogos de improvisación que farán de cada representación unha aventura diferente e única.

Falar sen cancelas representa, en definitiva, unha gran gala de humor e comedia. Non obstante, non só de chanzas vive o conto. A maxia, o clown e a improvisación son outros dos elementos que se atoparán ao longo do espectáculo. Fran Rei, Brandariz e Isabel Risco amosarán o seu talento como grupo e a súa compenetración artística, labrada durante 15 anos de colaboración en diferentes espectáculos. Unha noite na que a palabra e o humor son os grandes protagonistas.

dossier_falar sen cancelas_Página_1