Obras de ampliación no IES «O Ribeiro»

Díaz Mouteira visita as obras de ampliación do IES “O Ribeiro” no que Educación inviste 372.000 euros.

  • A delegada territorial da Xunta en Ourense comprobou o estado dos traballos que están previsto que rematen no mes de decembro
  • As obras consisten no peche da zona do soportal na fachada lateral, creación de catro novas aulas e outros tantos seminarios, así como a ampliación da aula de informática

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o IES “O Ribeiro” no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo obras de ampliación por un valor de 372.000 euros, achegados de fondos europeos. Respecto do avance dos traballos, sinalou que marchan a bo ritmo e está previsto que as novas instalacións estean rematadas a finais deste ano.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitando as obras no IES “O Ribeiro”

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitando as obras no IES “O Ribeiro”

Na visita  Díaz Mouteira, acompañada pola xefa territorial da Cultura e Educación, Mercedes Gallego, percorreu as dependencias escolares e  comprobou o estado dos traballos executados. O proxecto recolle o peche da zona ocupada polo soportal existente na fachada lateral  para, logo de realizar as divisións interiores, trasladar alí a cafetería e a aula de audiovisuais, ademais da instalación de dous novos seminarios.  O espazo dedicado ata agora a estes usos, emprazado na planta baixa da zona  posterior do edificio principal, recupérase como zona lectiva. Alí as obras consistirán na ampliación da aula de informática e a creación de 4 novas aulas e outros dous novos seminarios.

A delegada territorial explicou que estes traballos permitirán “que a cafetería e as súas zonas de servizo queden accesibles directamente dende o patio, tanto para o alumnado como para as empresas de subministración, nunha zona máis independente e, polo tanto, menos molesta para o funcionamento xeral do centro educativo”.

221015 IES Ribadavia

Os traballos, iniciados a finais de agosto e cun prazo de execución de catro meses, non están a interferir na actividade académica.

Marisol Díaz Mouteira destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa calidade educativa e as infraestruturas da provincia de Ourense, que ano tras ano recibe axudas para realizar obras de mellora en escolas e institutos. “Dende o Goberno galego traballamos para seguir avanzando na adecuación das instalacións co fin de continuar a mellorar as condicións de traballo e estudo de docentes e alumnos”, asegurou a delegada.

También te podría gustar...