Obra de pavimento de chapacuña no núcleo de Seceda

  • O Concello de Folgoso do Courel executa a obra de pavimento de chapacuña no núcleo de Seceda
  • A actuación inclúe tamén traballos no muro na Praza Alto de Vilela
  • Os traballos foron financiados con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo e fondos propios do Concello e supuxeron un investimento de 32.902,43 euros

O Goberno local do Concello de Folgoso do Courel vén de executar a obra de pavimento de chapacuña no núcleo de Seceda e muro na praza Alto de Vilela. A actuación levouse a cabo con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo e con fondos propios do Concello e supuxo un investimento total de 32.902,43 euros.

As obras foron adxudicadas a finais do mes de xullo á empresa CONSTRUCCIONES TOUZÓN Y FERNÁNDEZ S.L. por ser a mellor oferta das que se presentaron.

O prazo de execución dos traballos fixouse en seis semanas, tendo que estar rematadas antes do 30 de setembro do presente ano.

A alcaldesa, Lola Castro, e o concelleiro de Obras, José Antonio López Rodríguez, supervisaron os traballos, que xa están case finalizados na súa totalidade.

Desde o Goberno local valoran a importancia desta actuación que permite manter o patrimonio en bo estado e preservar a estética tradicional do empedrado das rúas. “A obra supón unha aposta por preservar a identidade do pobo de Seceda, que ademais trae consigo unha importante mellora de cara a súa conservación futura”.

  • Imaxes: