• A “Subida a Cortegada” volve ao calendario festivo do automobilismo galego
  • A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva que, tras cinco anos de parón, volve a celebrarse os días 6 e 7 de agosto
Presentación da Subida a Cortegada

Presentación da Subida a Cortegada

 

A “Subida a Cortegada” volve ao calendario festivo do automobilismo galego, os días 6 e 7 de agosto, tras cinco anos de parón. A presentación da proba deportiva tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto que contou coa participación do deputado provincial, Pablo Pérez; do alcalde do Concello de Cortegada, Avelino de Francisco Martínez; da piloto, Ángela Vilariño; da presidenta da Escudaría CDB, Ana María Domínguez; do presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; e do sarxento Rivero.

Pablo Pérez dixo que se trata “dunha proba emblemática no automobilismo galego”, e que a Deputación de Ourense colabora “coas iniciativas dos municipios que, neste caso, recupera un evento deportivo no que se dan cita máis de 50 pilotos que atraerán durante eses días a numerosos afeccionados, que poderán gozar tamén da riqueza turística e paisaxística que ofrece o Concello de Cortegada”. Asemade o deputado provincial lembrou que “Ourense segue a ser un referente no mundo do motor galego”.

O alcalde de Cortegada explicou que este evento deportivo celebrouse “durante dez anos con gran proxección, e despois deste parón de cinco anos, retómase esta “Subida” tan importante para Cortegada e para a provincia de Ourense, pois promociona todo o contexto xeral da zona”.

Iván Corral agradeceu a recuperación desta proba automobilística “na que o éxito deportivo está garantizado, e espero que se manteña no tempo”.

Ana María Domínguez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e do concello a esta proba automobilística “na que participarán pilotos galegos, e tamén chegados de fóra, como é o caso da piloto, Ángela Vilariño, a primeira inscrita da proba”. Pola súa banda, a piloto dixo que “intentaremos facelo o mellor posible”, e destacou que “Galicia ten unha gran afección polo mundo do automobilismo”. As inscricións para participar estarán abertas ata o día 4 de agosto.

Pola súa banda, o sarxento fixo un chamamento aos asistentes “para lembrarlle a importancia que ten a seguridade para poder gozar desta celebración e do entorno”.

Previamente á “Subida”, o venres, 5 de agosto, a partir das 18.00 horas, terá lugar “unha exhibición por parte da Escola de Jorge Lorenzo de Vigo”, adiantou a presidenta da Escudaría CDB.