O programa “Ponlle as pilas ao teu bocata” leva a nenos e nenas galegos a coñecer a industria conserveira

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaO venres pasado comezaron as excursións a instalacións relacionadas coa industria conserveira nas que participarán nenos e nenas de toda Galicia, dentro do programa de promoción do consumo de produtos do mar “Ponlle as pilas ao teu bocata”. En total son trinta as visitas previstas dentro deste programa, que organiza a Consellería do Medio Rural e do Mar, coa colaboración das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Sanidade, así como a patronal conserveira Anfaco-Cecopesca.

Esta iniciativa ten como obxectivo incidir e equilibrar as dietas alimenticias, fundamentalmente nas idades infantil e xuvenil, así como valorizar e fomentar os produtos da pesca e a acuicultura de Galicia. Esta campaña pretende achegar aos nenos e nenas da nosa comunidade as virtudes das conservas de produtos do mar e ampliar os seus coñecementos acerca das conservas e de todas as posibilidades que ofrecen, tanto no ámbito alimenticio, como didáctico e lúdico.

Os participantes construirán a súa propia aprendizaxe en relación co consumo das conservas de peixes e mariscos, integrando coñecementos sobre a súa elaboración, aspectos nutricionais e gastronómicos, extracción e transformación sostible dos recursos mariños, así como historia e cultura ligadas á industria conserveira.

As excursións incluirán visitas a fábricas como Conservas Selectas de Galicia, en O Grove, Conservas Dardo e Conservas Roma, en Vilanova de Arousa, ou Real Conservera Española, en Cambados, así como outros espazos ligados á industria da salga e a conserva, como o Museo Anfaco da Industria Conserveira, o Centro de Interpretación da Pesca e da Salga de Punta Moreiras, o Museo do Mar de Vigo, a Vila Romana de Toralla, o Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados ou as Salinas da Ulló en Vilaboa.

Hoxe estreará o programa de visitas un grupo de nenos e nenas do Concello de Rianxo, que visitará Conservas Dardo e o Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados. Durante a vindeira semana, participarán nesta iniciativa grupos da zona do Salnés e do Morrazo.