Inauguración sOpA 2014

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe en Celanova, acompañado polo alcalde da vila, José Luis Ferro, e polo vicerreitor do Campus de Ourense, Virixilio Rodríguez, o “Congreso internacional sobre educación e socialización do patrimonio”, sOpA 2014, un foro no que colabora a Deputación de Ourense e no que se dan cita expertos e representantes de colectivos sociais de 10 países para debater sobre o futuro do patrimonio e da cultura no ámbito rural.

Ata o vinceiro día 27 de setembro os participantes no congreso analizarán en relatorios e obradoiros as temáticas de actualidade no que atinxe ao patrimonio no rural, como son a dinamización cultural, a intervención en elementos patrimoniais, o turismo, a accesibilidade, a comunicación, a participación cidadá e as artes e artesanía, entre outras materias. Os participantes achegarán propostas de diferentes países como España, Portugal, Francia, Reino Unido, México, Arxentina, Perú, Uruguai, Chile e Azerbaián.

Manuel Baltar dixo que neste foro “vaise falar e debater sobre o noso patrimonio, algo que temos a obriga de preservar, manter e difundir para coñecemento de todos porque representa o noso legado histórico, etnográfico e natural”.

O proxecto sOpA 2014 pretende abrir o debate da cultura no rural a todos os estamentos da sociedade con enfoques alternativos e novas propostas que permitan determinar novos modelos de xestión social do patrimonio, sempre nun contexto de diálogo aberto tanto para científicos como para asociacións e cidadáns.