Obradoiro A Veiga,Viana, O Bolo

O obradoiro ‘Bosques de Trevinca-Macizo Central’ forma e ofrece un posto de traballo a 20 desempregados dos concellos do Bolo, A Veiga e Viana do Bolo.

Un total de 20 persoas desempregadas están a participar no obradoiro de emprego “Bosques de Trevinca-Macizo Central” que agrupa aos concellos de A Veiga, O Bolo e Viana do Bolo. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se benefician  outras 6 persoas que forman parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxina unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Traballo e Benestar de 177.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, realizou esta mañá unha visita aos alumnos deste e comprobou o desenvolvemento dos traballos que están a realizar actualmente no concello de Viana do Bolo relacionados coa xardinería e albanelería.

Na visita -que tamén contou coa presenza do alcalde da vila, Andrés Montesinos, e do rexedor de A Veiga, Edesio Yáñez- Rogelio Martínez  destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro. 

Xardinería e albanelería

Durante os seis meses de duración do obradoiro os seus alumnos porán en práctica os coñecementos adquiridos. Así, as 14 persoas que elixiron o módulo de xardinería e as 6 que optaron pola disciplina de  albanelería realizarán traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verdes. En Viana do Bolo acondicionarán os parques infantís das zonas de As Carrelas e O Ferradal, e doutras zonas verdes municipais, e recuperarán as zonas axardinadas do campo de fútbol, da gardería  e do colexio.

No municipio do Bolo levaranse a cabo labores de axardinamento con especies autóctonas na praza dos Navallos de Celavente e na praza de Valdanta, ademais da restauración dun edificio en Chao do Castro e da fachada da antiga escola de Valbuxán, e a ampliación dunha ponte. Por último, no concello da Veiga, o alumnado deste obradoiro de emprego traballará no lugar de O Coiñedo no axardinamento de espazos públicos e na recuperación de camiños tradicionais.

13 obradoiros na provincia

Dende o mes de agosto se están a desenvolver na provincia de Ourense 13 obradoiros de emprego nos que se agrupan 40 concellos e que benefician a un total de 339 persoas desempregadas:  263 alumnos e alumnas e 79 persoas como persoal directivo, docente e administrativo. O departamento autonómico que dirixe Beatriz Mato destina a estes programas preto de 2,3 millóns de euros. “Este esforzo enmárcase na aposta do Goberno galego por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.”, apuntou Rogelio Martínez.

Na actualidade, están en marcha en toda Galicia un total de 53 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 10,2 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas.