• O volume sobre a exposición ‘Alicerces’ aborda as diferentes estruturas e espazos que foron configurando o tecido urbano da cidade das burgas do século XVI ao XX
  • A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 28 de febreiro na sede de Afundación
image_gallery (1)

Alicerces

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu) acaba de publicar ‘Alicerces. Evolución urbana de Ourense do século XVI ao XX’, unha obra coa que este centro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá a coñecer o proceso histórico de conformación da cidade das burgas durante cinco séculos.

Trátase do catálogo da exposición homónima, visitable ata o próximo 28 de febreiro na sede de Afundación, en Ourense, onde foi presentado esta mañá en rolda de prensa polos coordinadores do proxecto, Xulio Rodríguez –director do museo– e Avelino Rodríguez, coa participación da responsable da sala de exposicións de a fundación, Beatriz Fernández Anguiano, e do xefe do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Xunta de Galicia en Ourense, Gerardo Pumar.

Os “alicerces” urbanísticos de Ourense
A traxectoria desta evolución centra o contido dun catálogo que contribúe a recuperar e a darlles visibilidade ás principais transformacións que Ourense foi experimentando na súa paisaxe urbana no transcurso da historia. A publicación é o resultado dun laborioso proceso de investigación no que a través da consulta dos fondos documentais custodiados en diferentes arquivos, e da bibliografía existente, se divulga un percorrido polas diferentes infraestruturas e espazos que foron dando forma e configurando o tecido urbano e monumental da cidade de Ourense, desde o renacer urbanístico que trouxo o século XVI na reconfiguración da cidade medieval ata finais do XX.

Un mostrario da arquitectura durante cinco séculos
Para visualizar o proceso histórico de conformación da cidade, o percorrido iníciase, segundo explicaron os coordinadores, no ámbito normativo, co regulamento e ordenanzas de obrigado cumprimento para a veciñanza, acompañado dunha selección de todo un mostrario de arquitectura e urbanismo ao longo destes cinco séculos, que abrangue tanto os edificios que definen o tecido urbano como a actividade humana das persoas que o habitaron, na esfera privada e na pública. Ademais das fichas, o catálogo acompáñase de estudos puntuais a cargo dos coordinadores do catálogo.

A distribución da obra realizarase a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia, do museo e mais da propia sala de exposicións de Afundación, onde se pode ver a mostra ‘Alicerces. Evolución urbana de Ourense do século XVI ao XX’ ata o próximo 28 de febreiro, en horario, de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; e sábados, domingos e festivos, entre as 12:00 e as 14:00 horas pola mañá, e entre as 17:00 e as 20:30 horas pola tarde.