O Incio mellora a calidade da subministración eléctrica

  • Cun investimento da UFD de preto de 200.000 euros
  • A compañía traballa xa na mellora da liña de Media Tensión que dá servizo á parroquia de Trascastro e ás aldeas limítrofes

 

O Concello do Incio mellora a calidade da subministración eléctrica do municipio grazas a un investimento de UFD, a empresa de distribución eléctrica de Naturgy, de preto de 200.000 euros.

A eléctrica investirá preto de 200.000 euros en actuacións e obras de mellora da rede de Baixa e Media Tensión no Concello do Incio. En concreto, a compañía destina 40.000 euros ao proxecto de mellora da liña de Media Tensión que dá servizo á parroquia de Trascastro e ás aldeas limítrofes. 

UFD, que contou coa total colaboración por parte do  Concello do Incio, iniciou a pasada semana os traballos de substitución de apoios e adecuación e reforzo desta liña de Media Tensión, de case un quilómetro de lonxitude. Os traballos, que durarán entre 2 e 3 semanas, suporán unha importante mellora na calidade da subministración eléctrica aos lugares de Trascastro, Moura, A Ferrería,  Airela, Hospital, Pena, Dontide y Dompiñor.

 

Así mesmo,  UFD ten previsto un investimento de 150.000 euros na construción dun novo centro de transformación, con maior potencia, no núcleo urbano do Incio, así como o soterramento da rede de baixa tensión asociada ao transformador para garantir a calidade do servizo no municipio. Por outra banda, tamén se instalarán dous telecontrois para mellorar a manobra a distancia dos  interruptores e así localizar máis rapidamente o punto dunha incidencia e diminuír así os tempos de interrupción.

UFD fixo un importe esforzo nos últimos anos en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na  telemedida e telexestión dos puntos de subministración, no telecontrol, a automatización e  sensorización das redes, así como no robustecemento das infraestruturas e integración das redes de comunicación e sistemas de información coa rede convencional para optimizar a súa explotación.

A compañía inclúe cada ano no seu plan de investimentos actuacións e iniciativas para potenciar as infraestruturas de subministración de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución eléctrica, especialmente en zonas rurais, contribuíndo ao desenvolvemento económico destes territorios e á mellora das súas condicións de vida.