O Hopital de Valdeorras amplía a súa carteira de servizos coa especialidade de Reumatoloxía

  • A nova especialidade ofertarase directamente desde o Hospital Comarcal, evitando traslados a Ourense, e poderá solicitarse directamente desde tódolos Centros de Saúde da Área
  • Atenderá desde a semana que ven algunhas das patoloxías mais prevalentes entre a poboación como a artrose, a osteoporose, as lumbalxias ou a artrite reumatoide.

Concentracions no Hospital do Barco

 

O Hospital Comarcal de Valdeorras ampliará, desde o vindeiro mércores 27 de maio, a súa carteira de servizos con novas consultas de Reumatoloxía, o que permitirá aos seus pacientes acudir directamente ao Barco, evitando traslados a Ourense para ser atendidos.

Para a posta en marcha no HCV da nova especialidade, a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras procedeu a reorganizar este servizo, para permitir a oferta de consultas no centro máis próximo á residencia dos usuarios.

Reumatoloxía atende varias das patoloxías crónicas mais prevalentes entre a poboación de Ourense, como a artrose, a osteoporose, as lumbalxias ou a artrite reumatoide, que xeran anualmente un gran número de consultas, moitas delas de xeito continuado por tratarse de enfermidades crónicas, polo que ata agora obrigaba a moitos dos pacientes a desprazarse periodicamente ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para seu diagnóstico, control e seguimento.

Asemade, dispoñer desta especialidade directamente no hospital do Barco, permitirá mellorar a coordinación cos médicos de Atención Primaria, responsables directos, en moitos casos, da detección, diagnóstico e seguimento habitual dos pacientes de reumatoloxía, facilitando as interconsultas e derivación de pacientes dun a outro nivel asistencial.

Conseguintemente, habilitarase aos Centros de Saúde da Área de Valdeorras para poder xestionar directamente desde os centros a citación no HCV destas consultas, centralizando así en Valdeorras a xestión da demanda e facilitando o acceso dos pacientes alí onde residan.

Esta nova especialidade, engádese as xa incorporadas, de Neuroloxía, Cardioloxía, Dixestivo ou Endocrinoloxía. Este importante salto cualitativo na oferta de servizos é posible grazas á maior coordinación entre a rede hospitalaria e de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde en Ourense, unidos na Xerencia Integrada de Ourense, Verín e Valdeorras, o que permite compartir recursos para mellorar a atención do paciente desde o centro mais próximo a súa residencia, evitando os inconvenientes do traslado, especialmente no caso dos pacientes crónicos.