image_gallery

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá no encontro empresarial organizado para presentar o programa “Juntos somos capaces” da Fundación Mapfre e que ten como obxectivo promover a formación ocupacional e a inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental.

Máis dunha ducia de empresas que desenvolven a súa actividade en Ourense asistiron ao acto, que contou coa colaboración da Cámara de Comercio e a Asociación Down Ourense. Durante o encontro coñeceuse a experiencia da empresa ourensá Rodríguez López Auto S.L. que dende hai dous anos ten contratadas dúas persoas con discapacidade.

O delegado territorial felicitou á Fundación Mapfre por esta iniciativa “que reforza os obxectivos das políticas sociais e de igualdade do Goberno galego” e animou ao empresariado ourensán a participar nela, ofrecendo prácticas laborais ás persoas con discapacidade.

Na súa intervención, Rogelio Martínez subliñou que o Goberno galego seguirá a traballar para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade como ferramenta clave de inclusión social. “Unha das nosas prioridades é a loita pola igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade”, apuntou.

Na actualidade a Xunta de Galicia mantén unha estreita colaboración con Down Ourense, a través de achegas da Consellería de Traballo e Benestar e da Secretaría xeral de Igualdade.