O Corazón da Artesanía latexa de novo desde mañá e ata o domingo en Agolada con demostracións en vivo, gastronomía e música

Foto de archivo

Foto de archivo

O Corazón da Artesanía. IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia arranca mañá no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra), onde se poderá ver ata o domingo o traballo de máis de 50 artesáns de toda Galicia de diferentes oficios. Este encontro organizado pola Consellería de Economía e Industria no que tradición e vangarda van da man tense consolidado como o referente anual do sector. O programa inclúe tanto exposición e venda de produtos artesanais e demostracións en vivo de oficios como showcookings, degustacións e venda de produtos gastronómicos, workshops, presentacións de proxectos relacionados coa artesanía, conversas con artesáns de referencia, exposicións, actuacións musicais e talleres participativos de artesanía para o público infantil e adulto.

A xornada de mañá comezará ás 11:30 horas coa inauguración por parte do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, da feira, na que ademais dos artesáns participan 46 empresas de produtos alimentarios de calidade. A partir das 12:30 terá lugar no espazo O Paladar a presentación do proxecto Centro do viño: eixo dinamizador do enoturismo na Ribeira Sacra, a cargo de Humberto Loureiro, que se completará cunha cata de viños da Ribeira Sacra.

Tamén o venres pola mañá comezarán dous dos catro cursos especializados que se inclúen na programación do Encontro. Trátase de A asa. Análise, práctica e deseño, impartido polo deseñador de orixe libanesa Assaad Awad, que ten colaborado con Thierry Mugler, Mario Testino, Lady Gaga ou Madonna. O horario do curso será de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, durante os tres días da feira. O mesmo horario que Oficios de moda. Sombreirería con novos materiais, no que os participantes poderán coñecer da man da experta artesá pontevedresa Viviana Araújo as novas correntes na introdución de materiais non habituais para a elaboración e confección de complementos de moda, especialmente na sombreirería.

O sábado comezarán os outros dous cursos de formación incluídos no Corazón da Artesanía, centrados na fotografía. Fotografía para dispositivos móbiles – Artesanía no prato, impartido polo comunicador audiovisual David Cabezón (Santiago de Compostela) e Fotografía aplicada á artesanía, a cargo do fotógrafo alemán afincado en Lugo Peter Scheneider.

Mañá pola tarde, no Espazo Multidisciplinar, destacan as presentacións dos dous proxectos galegos gañadores dos Premios Nacionais de Artesanía 2014. A partir das 17:00 horas, a cesteira afincada en Outeiro de Rei, Idoia Cuesta, gañadora do Premio Produto, presentará o proxecto Sinerxías creativas: artesanía&deseño. Unha hora máis tarde, Manuel González, presidente da Asociación Galega de Artesáns (AGA), presentará a App das Rutas de Artesanía de Galicia, que resultaron recoñecidas con este galardón na categoría Promociona para Entidades Privadas.

A partir das 20:00 horas, no espazo O Paladar, a cociñeira Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), será a encargada de abrir as degustacións da iniciativa Artesanía no prato, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas tendencias da gastronomía galega. Catro chefs pertencentes ao Grupo Nove serán os responsables de distintos showcookings nos que elaborarán menús degustación con produtos galegos de calidade, que presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia. Os cociñeiros empregarán pezas de cerámica, de madeira e de téxtil elaborados por oito obradoiros artesáns galegos. O sábado será a quenda de Alberto C. Prelcic (Silabario, Tui) e Héctor López (Restaurante España, Lugo), mentres que o domingo estará en Agolada Javier Rodríguez Ponte “Taky” (Catering Boketé, A Coruña).

A xornada do sábado pecharase coa actuación de Guadi Galego, que presentará o seu segundo disco en solitario, Lúas de outubro e agosto, a partir das 22:00 na Praza do Concello, unha vez rematada a feira.

También te podría gustar...