O conselleiro de Cultura e Educación reivindica o papel da xeografía porque permite ver o mundo cunha perspectiva integral

roman rodriguez inaugura a I olimpiada de xeografia de galicia foto: ana varela

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reivindicou hoxe o papel da xeografía na sociedade con motivo do acto inaugural da primeira Olimpíada de Galicia, organizada na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Tal e como indicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, e tamén xeógrafo, esta disciplina “permítenos ver o mundo cunha perspectiva integral, nas súas múltiples variables”, pois afonda no coñecemento dos lugares nos que vivimos e aos que viaxamos, así como no entendemento dos aspectos espaciais de problemas sociais como os patróns de distribución de poboación ou nos valores medioambientais.

De feito, o conselleiro explicou ante os alumnos participantes nesta olimpíada que existe un nexo entre “o que somos como persoas e o entorno”. Pero ademais deste “potencial”, Román Rodríguez tamén constatou unha “debilidade” na xeografía. En concreto, referiuse á dificultade para competir en cuestións moi específicas nun mundo “duro como o de hoxe e cada vez más especializado”.

Potenciar o espírito de equipo
Dende a súa perspectiva de antigo estudante, animou ao alumnado a participar en iniciativas coma esta porque, sinalou, estimulan “o espírito de equipo e a cultura do esforzo”. Así mesmo, o responsable de Educación aproveitou para felicitar e desexarlles sorte aos participantes –un total de 33 alumnos e alumnas de oito centros galegos– e agradecer o traballo do profesorado.

Tamén tivo palabras de recoñecemento para o Colexio de Xeógrafos en Galicia e o departamento de Xeografía da USC por organizar estas primeiras olimpíadas de xeografía a nivel galego. Precisamente, no acto de inauguración participou a presidenta da delegación galega do Colexio, María José Piñeira.