O Concello de Bóveda recibe o III Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia polo seu traballo de integración para persoas con diversidade funcional

  • O Concello de Bóveda recibe o III Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia
  • O alcalde foi o encargado de recoller o galardón en Santiago de mans do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo
  • A distinción recoñece o traballo de integración levado a cabo des de a Biblioteca Pública Municipal cos usuarios da residencia para persoas con diversidade funcional

 

O Concello de Bóveda vén de recibir o III Premio á innovación bibliotecaria de Galicia convocado para o ano 2020.

O alcalde, José Manuel Arias, xunto coa concelleira de Cultura, Cristina Juiz, foron os encargados de recoller o galardón, que foi entregado hoxe polo secretario xeral de Cultura en Santiago, Anxo M. Lorenzo.

A convocatoria ten como obxectivo impulsar e visibilizar os proxectos e boas prácticas levadas a cabo polas bibliotecas e ou axencias de lectura públicas municipais de Galicia, que busquen resultados positivos para a persoa usuaria, que sexan pertinentes e adecuados ao contexto local onde se implantan.

Son iniciativas que deben ser sostibles no tempo e fomentar a réplica nunha situación distinta pero en condicións similares. Deberán ser innovadores. O galardón está dotado cun único premio de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora.

 

O proxecto

En concreto, a distinción entregada hoxe recoñece o traballo de integración levado a cabo pola Biblioteca Pública Municipal de Bóveda cos usuarios da residencia para persoas con diversidade funcional.

No seu discurso, o alcalde trasladou a satisfacción do Goberno local por recoller un premio “á innovación bibliotecaria como consecuencia dun traballo que comezou en Bóveda hai xa algúns anos e que pretendemos continuar con máis esforzo e compromiso, se é posible”.

Desde a posta en marcha da residencia, a Biblioteca tratou de converter a lectura nun vínculo de integración cultural. Así, creouse un Club de Lectores para adultos, incorporouse novo material á biblioteca con máis fondos e con recursos audiovisuais pensando nas necesidades especiais ás que se dirixían. Tamén se fixo un acceso na beirarrúa para as cadeiras de rodas e un aseo para persoas con mobilidade reducida.

O rexedor anunciou o compromiso do Concello de “seguir avanzando nesta senda dotando á Biblioteca de novos espazos de exposición e novo mobiliario que favoreza a accesibilidade dos usuarios con cadeiras de rodas. Conseguiremos así un espazo máis atractivo no que os usuarios con discapacidades poidan seguir medrando”, explicou.

Arias agradeceu o traballo das persoas que o fixeron posible, desde a concelleira de Cultura, Cristina Juiz, á técnica sociocultural do Concello, Miriam Palmón e ás educadoras, animadoras e persoal da residencia, contando sempre coa colaboración do CEIP Rosalía de Castro de Bóveda.

“Penso que o máis importante de todo este traballo é que hoxe, ademais de contar cunha biblioteca accesible e un exemplo de innovación, conseguimos integrar aos membros da residencia como veciños e veciñas do Concello de Bóveda. Un éxito colectivo”, concluíu.

También te podría gustar...