O CGAI conmemora o Día Internacional da Muller cun ciclo arredor das olladas femininas no cinema

cgai1.png

 

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) programa desde hoxe e ata o vindeiro sábado unha nova edición do seu ciclo ‘Olladas de mulleres no mundo’, organizado xunto ao Consello da Cultura Galega con motivo da conmemoración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller. Este especial abre a carteleira marzo-abril na sede coruñesa da Filmoteca de Galicia con seis títulos que, pola súa autoría ou temática, nos achegan unha perspectiva feminina do cinema e entre os que se atopan tres fitas dedicadas a creadoras galegas.

‘Olladas de mulleres no mundo’ dá comezo esta tarde cunha sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas, do único título de dirección masculina incluído nesta serie: ‘Dos días, una noche’, unha película dos irmáns Dardenne sobre a situación laboral das mulleres durante a crise e pola que Marion Cotillard foi candidata a mellor actriz na pasada edición dos Premios Oscar.

O naturalismo dos belgas Jean-Pierre e Luc Dardenne, que lles valeu a Palma de Ouro de Cannes en dúas ocasións, enlaza co do filme francés ‘Mil noches, una boda’, de Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger e Samuel Theis, que poderá verse mañá mércores tamén en sesión dobre. Neste caso, ofrécesenos o retrato dunha muller libre de 60 anos para abordar as complexidades dos afectos e a influencia do contorno social. A achega internacional a este ciclo complétase coa longametraxe ‘Amor Fou’ (venres 6, ás 18.00 e ás 20.30 h), na que a directora Jessica Hausner traza un lúcido e orixinal relato a partir da historia do poeta tráxico Heinrich von Kleist e a súa busca dunha compañeira para suicidarse en pleno Romanticismo alemán.

También te podría gustar...