Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde dán vida aos personaxes disparatados desta historia chea de colorido e fantasía

Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde dán vida aos personaxes disparatados desta historia chea de colorido e fantasía

 

O Centro Dramático Galego, de Cultura e Educación, achega ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ aos escolares do Barco.

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Consellería de Cultura e Educación, desenvolverá nas próximas semanas seis novas funcións do espectáculo ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ dirixidas a alumnos e alumnas de educación primaria dos concellos de Viveiro, Tui, Rianxo e na nosa comarca será no Barco.

A montaxe realizada a partir da obra de Carlos Casares, con dirección escénica de José Caldas e dirección musical de Bernardo Martínez, continúa así a súa distribución ata finais de ano por un total de once escenarios galegos, despois da súa estrea oficial o pasado 3 de outubro en Ourense e de ter visitado xa Vilagarcía de Arousa, Narón, Pontevedra e Vigo.

Esta xira integra unha intensa campaña escolar que, de xeito paralelo ás funcións concertadas con centros educativos de toda Galicia, pon a disposición dos mestres e os seus alumnos un completo material didáctico e lúdico arredor do espectáculo do CDG e da obra de Casares. O obxectivo é que os espectadores máis novos aprendan a gozar da experiencia de asistir ao teatro e descubran, ao tempo, unha gran figura da nosa literatura.

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras recibirá ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ o 21 de novembro ás 12:00 horas, en tanto que.

Esta montaxe de teatro e música para toda a familia ofrécelles aos espectadores unha nova ollada sobre a obra e o espectáculo que a compañía pública galega xa levara a escena hai 10 anos. A produción de 2014 está interpretada por un novo elenco de seis actores e actrices: Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde, que forman parte dunha nova xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia. Todos eles foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos.

Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan descubrir máis matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares. O espectáculo ideado por Caldas –quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, á portuguesa– reúne nun só acto todas as expresións artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares, de xeito que esta versión teatral de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ integra harmoniosamente o conto ‘A galiña azul’, así como outros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico e colorista que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando do limoeiro da horta dos protagonistas abrollan unhas enormes laranxas.

‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van, o seu autor afirmaba que a peza era “un disparate continuo de movemento e fantasía”.