O Centro Demostrador TIC da Amtega presenta un software que analiza o rendemento para aumentar a produtividade profesional

AmtegaO Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o día 8 de abril unha sesión demostradora que leva por título “Descubre como medir e analizar o teu rendemento para aumentar a túa produtividade profesional e persoal” (https://cdtic.xunta.es/produtividade-persoal) que se celebrará en horario de 11.00 a 12.00 horas.

As persoas asistentes a esta actividade poderán coñecer o funcionamento, os servizos e os beneficios que pode achegar a unha empresa Kiply, un software multidispositivo que, de xeito automático, mide e analiza a actividade persoal en tempo real e de forma privada. A partir desta análise, ofrece consellos personalizados para mellorar a produtividade de maneira segura, sinxela e divertida. Trátase dunha ferramenta que combina elementos de medición, visualización, formación, feedback constante e técnicas de gamificación aplicada á xestión dos recursos humanos.

A actividade está pensada, principalmente, para traballadores da información freelance ou autónomos e pemes. A encargada de facer a demostración será a empresa Kiply, Knowledge is Power, unha startup dedicada á creación de software de produtividade persoal para profesionais e empresas.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. As persoas que non poidan acudir á demostración poderán seguila a través de streaming.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

También te podría gustar...