AmtegaO Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o día 21 de maio o seminario “Potencia a web do teu establecemento turístico e convértea no teu mellor comercial” (https://cdtic.xunta.es/potencia-a-web) que se desenvolverá en horario de 16.00 a 20.00 horas.

O encargado de impartir o seminario será Jose Alcañiz, xerente de Buscadestinos.com, central de reservas de hoteis e escapadas, e fundador de Esterea Comunicación Digital, que informará aos asistentes sobre as ferramentas e as estratexias dispoñibles en internet para que establecementos, operadores e entidades de xestión de destinos turísticos obteñan visibilidade e rendemento económico. O programa da xornada inclúe temas como a optimización da web (usabilidade, motores de reservas, contidos etc.) ou a realización dun plan de marketing.

O seminario está deseñado para establecementos turísticos que busquen chegar a máis xente de forma directa a través de internet, reducindo custos de intermediación. Así mesmo, tamén está pensado para operadores turísticos ou axencias receptivas que busquen mellorar o seu posicionamento ou o da súa zona en internet. Ademais, pode resultar de interese para entidades de xestión de destinos que teñan a responsabilidade de dinamizar xeodestinos a través de internet.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. As persoas que non poidan acudir ao seminario poderán seguilo a través de streaming e tamén por videoconferencia nalgunhas aulas CeMIT de Galicia. A información sobre este proceso pode consultarse no seguinte enlace: cemit.xunta.es.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.