O centro demostrador TIC da Amtega acolle o dous de xullo a presentación da segunda convocatoria de Galicia Open Future

CDTICO Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o día 2 de xullo a presentación da segunda convocatoria do Galicia Open Future (https://cdtic.xunta.es/presentacion-II-GOF) en horario de 17.00 a 18.00 horas.

O equipo de Galicia Open Future, unha iniciativa impulsada por Telefónica en colaboración coa Xunta, presentará o seu programa de aceleración de startups en Galicia que dará comezo o vindeiro mes de setembro e que actualmente se atopa en fase de captación e selección dos 50 proxectos participantes. Na xornada explicaranse os requisitos para participar no programa, o colectivo a quen vai dirixido, as metodoloxías de traballo e os beneficios que achega aos participantes. Así mesmo, presentaranse casos de éxito da primeira edición.

A xornada está dirixida a emprendedores que teñen desde unha idea de negocio ata unha startup. As encargadas de presentar a iniciativa serán María del Carmen López Gómez, directora do programa Galicia Open Future de Telefónica, e Paloma Barreiro Gónzález, directora do proxecto en Grupo Barrabés.

A asistencia é de balde previa inscrición na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es. As persoas que non poidan acudir á presentación poderán seguila a través de streaming.

Galicia Open Future
Galicia Open Future é o gran centro de emprendemento galego, impulsado en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o IGAPE da Consellería de Economía e Industria.

Galicia Open Future ofrécelles a 50 proxectos empresariais innovadores a posibilidade de evolucionar a súa idea, poñendo á súa disposición as ferramentas e os servizos necesarios para axudar a que os seus proxectos ou startups alcancen o éxito global.

As empresas e profesionais interesados en formar parte desta segunda convocaoria de Galicia Open Future poden presentar as súas candidaturas ata o 15 de xullo, cumprimentando o formulario de inscrición habilitado na seguinte dirección:http://galicia.openfuture.org/ No mes de agosto, e unha vez finalizada a preselección inicial, daranse a coñecer os nomes dos 50 proxectos elixidos para formar parte desta segunda convocatoria.

A través do Programa de Incentivos da Xunta, la Axencia Galega de Innovación –GAIN- achega unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados Superada a fase de formación, un xurado de expertos seleccionará os tres mellores que recibirán unha axuda de ata 25 000 euros, tamén da GAIN, que deberán destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Poderán acceder, así mesmo, a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25 000 euros.

También te podría gustar...