O Arquivo Histórico Provincial de Lugo ofrece un percorrido por Galicia a través de imaxes e documentos das súas pontes

image_gallery

 

O Arquivo Histórico Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece un percorrido pola xeografía galega a través das súas pontes cunha exposición que reúne 67 imaxes destas construcións localizadas por toda Galicia. ‘Pontes, pontigos e pasares’ é o título do novo proxecto expositivo do AHPL, que reflicte “un labor valioso na conservación de documentos e testemuños do que fomos e do que viviron e construíron os que nos precederon”, asegurou esta tarde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que interveu no acto de inauguración da exposición xunto coa directora do arquivo, Dolores Pereira.

O enxeño dos devanceiros

“O seu contido –dixo– tráenos a lembranza de como nos integramos cunha paisaxe á vez acolledora e difícil e de como as mulleres e os homes aprenderon a descubrir posibilidades e a superar os obstáculos para os seus desprazamentos”. Ao fío disto, afirmou que “en Galicia fomos capaces de encontrar pasos seguros para actividades básicas e tamén solucións tecnicamente complexas para erguermos construcións sólidas”. “Estamos, polo tanto, ante o enxeño dos nosos devanceiros; ante os seus desenvolvementos técnicos e ante os seus desexos de chegar ao mundo e de permitir que se achegasen quen habitaban en puntos afastados”, explicou.

Fotografías das catro provincias

As dúas seccións coas que conta a mostra están dedicadas, por unha banda, á provincia de Lugo, con fotografías de Juan José, Vega e Loty, onde se atopan a maioría dos pontigos e pasares, ademais de incluír pontes propiamente ditas; por outra banda, ao resto de Galicia, con fotos de Loty, onde se recollen pontes das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra.

Da provincia de Lugo, hai imaxes, entre outras, da ponte romana da cidade de Lugo, da ponte da Chanca, da ponte de Monforte de Lemos, das pontes vella e nova de Portomarín, da de Navia de Suarna, da de Rábade, da ponte de Rinlo en Ribadeo ou da da Misericordia en Viveiro. Da provincia de Ourense, hai imaxes das pontes vella e nova sobre o Miño, da ponte de Lonia, ou da de Ribadavia; da provincia de Pontevedra, da ponte do Burgo, da ponte de ferro de Redondela, da ponte internacional sobre o Miño en Tui, da ponte do Lameira en Marín ou da ponte do Tea en Mondariz; mentres que da Coruña hai imaxes das pontes nova e vella sobre o Mandeo e sobre o Mendo en Betanzos, as de Pontedeume, tanto a vella como a de ferro, ou a ponte sobre o Sar en Padrón.

Os pontigos e pasares, están todos situados na provincia de Lugo: na Pontenova, na Fonsagrada, en Samos, en Doiras, nos Ancares ou en Foz.