Nove candidatos optan a converterse en socio tecnolóxico do polo industrial e innovador de avións non tripulados de Galicia

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaO conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a capacidade financeira e innovadora dos nove aspirantes a converterse en socio tecnolóxico do polo industrial e innovador de avións non tripulados de Galicia. Unha vez rematado o prazo para a presentación de candidatos xunto coas respectivas garantías de solvencia técnica e económica, téñense presentado ao proceso tanto multinacionais estranxeiras como grandes empresas españolas, ademais dunha unión de pemes aeronáuticas.

En concreto, os candidatos son Airbus, Boeing, Indra, Everis, Elbit Systems, Augustawestland – que se presenta conxuntamente con Telespazio-, Inaer, Thales, e a UTE UAV Galicia, que reúne a varias pemes galegas. Estes nove solicitantes que se teñen presentado formalmente ao proceso, amosaron ademais a a solvencia técnica e financeira suficiente para optar a ser socio industrial do polo de avións non tripulados.

Son empresas, sinalou o conselleiro, que suman unha facturación relacionada co sector aeroespacial de 160.000 millóns de euros; e que teñen levado a cabo nos últimos anos proxectos de I+D no eido aeroespacial que suman máis de 9.000 millóns.

Unha vez que a Xunta ten comprobado a solvencia dos candidatos, Conde avanzou que os nove terán ata o 3 de setembro para presentar a súa primeira oferta ao Goberno galego. Comezará entón un diálogo coas compañías para que melloren as súas propostas, de cara a terminar co proceso a primeiros de decembro asinando un contrato con un ou varios socios.

“É o primeiro paso para conformar en Galicia un sector industrial do nivel que hoxe ten na nosa comunidade a automoción e o naval. E o interese de empresas de tanto calado amosa a seriedade desta iniciativa”, dixo Conde, que lembrou que supón un investimento público de 55 millóns de euros ata 2020 e que terá o seu centro neurálxico no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas.