TESGON Desbroces

Mostra didáctica itinerante sobre o Entroido tradicional galego en Bóveda

  • Estes días exponse na Residencia para persoas con diversidade funcional e de aí pasará ao Centro Sociocultural onde se poderá visitar a partir do 18 de febreiro

 

O Concello de Bóveda segue celebrando o Entroido con diferentes actividades alternativas ás que se viñan desenvolvendo outros anos, adaptándose así á normativa sanitaria en vigor. Tras poñer en marcha o concurso de disfraces en liña, a Biblioteca Municipal de Bóveda elaborou unha exposición didáctica itinerante sobre o ‘Entroido Tradicional Galego’ a partir dunha publicación de Turismo da Xunta de Galicia*.

A mostra está composta por 16 paneis nos que se amosan e explican as festas do Entroido declaradas de Interese Turístico e algunha máis que aínda non tendo ese recoñecemento gozan de moi boa saúde na nosa Comarca, como son o Oso de Salcedo ou os Volantes de Chantada.

A exposición exhíbese na Residencia para persoas con diversidade funcional onde estará ata o día 18 de febreiro, data na que será trasladada ás instalacións do Centro Sociocultural do Concello de Bóveda. Alí  poderá ser visitada por todas as persoas que o desexen en horario de 10:00 a 14:00 horas de luns a venres e tamén os mércores pola tarde.

A axencia de lectura, recentemente galardoada co premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2020 polo seu proxecto de integración social: ‘Biblioteca Accesible’, continúa así con propostas de colaboración coas persoas que viven na Residencia e que teñen dificultades para acceder aos recursos culturais.

 

*A publicación que dá orixe á mostra pode consultarse no enlace:

https://www.turismo.gal/que-facer/promocions-para-gozar-agora/o-entroido-en-galicia?langId=gl_ES